Un laboratorio deseña un material para axudar ao óso a rexenerarse tras operacións de cadeira ou columna

Actualizado: domingo, 5 julio 2009 15:47

Keramat, en Santiago de Compostela, é a única empresa en España que fabrica biocerámicas de cirurxía reparadora

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 5 Jul. (EUROPA PRESS) -

O laboratorio compostelano Keramat deseña e desenvolve un material co obxectivo de axudar ao óso a recuperarse de patoloxías como as próteses de cadeira ou as operacións de columna, intervencións tras as que é frecuente que o organismo non sexa capaz de rexenerarse por si só.

En concreto, o centro traballa con 'biomateriais', que son aqueles "deseñados para cumprir unha función biolóxica ou mecánica cando se implantan no corpo humano", segundo indicou o xerente de Keramat, Miguel Souto, en declaracións a Europa Press.

Así, comparou o sistema cun "andamiaxe", pois o biomaterial --unha especie de cemento que se inxecta na estrutura ósea-- é a base, "o anadamio" que permite a rexeneración. "O que se trata é de impulsar a reparación do organismo e mitigar o problema, que non curalo", apuntou.

Este propósito conséguese mediante unha achega artificial de substrato mineral, que é unha das tres grandes familias que compoñen os ósos, xunto coas células e as achegas orgánicas --como proteínas ou coláxeno--. Para iso, Souto detallou que utilizan hidrioxipatito, que é a fase mineral do óso, "o fosfato cálcico que lle dá dureza" apostilou.

UTILIDADE E COMODIDADE

As características do hidrioxipatito --inyectabilidade, tempo de fraguado curto, altas propiedades mecánicas ás 24 horas-- son as que farán o produto final "útil" para cubrir unhas patoloxías que, na actualidade, "non teñen solución" ou "usan materiais pouco axeitados", sinalou.

Nesta liña, detallou que a cirurxía "minimamente invasiva", á que se dirixen as súas investigacións, intenta lograr un tratamento cuxa aplicación sexa "o máis cómoda posible" para o médico e "o máis agradable posible" para o paciente, engadiu.

Para iso, recalcou que empregan unha tecnoloxía "100 por cento española", que ten a capacidade de sintetizar e producir o produto cunha composición "idéntica" á do óso humano. Esta mestura obtense a partir de procesos químicos e reactivos de laboratorio.

RENDEMENTO

Dada a frecuencia deste tipo de traumas na sociedade occidental actual, que provocan a perda do substrato mineral dos ósos, Souto augurou un "alto rendemento" do biomaterial baseado no hidrioxipatito.

Inicialmente, viu o seu uso axeitado para as intervencións de columna e para a fixación de prótese de cadeira, "tan habituais co ritmo de vida que levamos na sociedade occidental", así como para o tratamento de mulleres con osteoporose. Non obstante, non descartou a súa utilización futura, por exemplo, en aplicacións dentais.

Respecto ao tempo necesario para chegar a dar coa composición óptima, prognosticou que queden "tres ou catro anos", xa que se trata de estudios moi complexos e "sempre" xorden cuestións inesperadas que, como explicou, fan "reconducir" a investigación.

Neste sentido, adiantou que as seguintes etapas do proxecto consistirán nos ensaios en laboratorio con animais, "dende cans, ata ovellas", para ver "como funciona".

Tamén realizarán simulacións en ordenador mediante aplicacións informáticas, traballo no que colaboran con numerosas universidades e centros de tecnoloxía de Galicia, Madrid, Valencia, Barcelona e Sevilla.

Sobre o prezo, asegurou que intentarán que o custo sexa "razoablemente competitivo", pero argumentou que o seu "alto valor engadido" fará rendible a inversión. Tamén dependerá da aplicación, nunhas operacións que "na súa maioría", as cobre a Seguridade Social.

EMPRESA PIONEIRA

Keramat, que é un 'spin-off' da Universidade de Santiago de Compostela (USC), foi froito de moito tempo de estudios en centros de investigación galegos. Os seus promotores foron os propios investigadores, algúns dos cales xa tiñan experiencia no campo da xestión empresarial, como é o caso de Souto.

Así, o máximo responsable da compañía subliñou que á súa iniciativa se converteu, dende 1999, "en referencia a nivel internacional" no campo da rexeneración ósea. De feito, a empresa, situada en Milladoiro --no municipio de Ames-- , é a única en España que fabrica biocerámicas para a cirurxía reparadora.

Así mesmo, defendeu ser a "única empresa que conta co marcado legal da Unión Europea", outro aspecto no que son "pioneiros". Para o desenvolvemento do actual proxecto de investigación, Keramat recibiu unha subvención de 64.936 euros da Xunta, dentro dos programas sectoriais de Promoción Xeral de Investigación.