Un novo servizo de banda ancha por satélite pretende "romper" a brecha dixital do rural galego

Actualizado: martes, 1 septiembre 2009 17:57

Uns catro millóns de españois non teñen acceso á banda ancha, e Galicia "supera" esa cifra

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Sep. (EUROPA PRESS) -

Os operadores de Internet Net2 e SES Astra presentaron hoxe o novo servizo de banda ancha bidireccional por satélite Astra2Connect co obxectivo de "romper" a brecha dixital que se vive no rural galego.

Así o valorou hoxe o director de Desenvolvemento e Negocios de Astra Ibérica, José Luis Gárate, quen, en declaracións a Europa Press, considerou a Galicia como o "paradigma do problema" da banda ancha en España, debido esencialmente á súa "complicada" orografía e ao "disperso" da súa poboación.

"O que propoñemos para romper esa brecha dixital é comunicacións bidireccionais por satélite, que ata agora eran moi caras. Nós simplificámolas e, consecuentemente, abaratámolas", explicou Gárate. Así, por unha cantidade económica aproximada á de calquera cidade galega, os habitantes das aldeas poderán obter servizos de Internet, telefonía e televisión por satélite.

Gárate, que considerou "absolutamente inviable" --dende os puntos de vista técnico e físico-- levar o cable ou o ADSL ao rural galego, manifestou tamén que "o satélite se presenta como a tecnoloxía ideal para superar a brecha dixital en Galicia".

A través de Astra2Connect, que "chegará a calquera punto da xeografía galega", as explotacións gandeiras e agrícolas, o turismo, a hostalaría, e as pequenas e medianas empresas poderán facer uso de Internet, dando así "solución aos problemas de cobertura de banda ancha que aínda sofren numerosas zonas da Comunidade".

CATRO MILLÓNS DE ESPAÑOIS 'DESCONECTADOS'

Por outro lado, un informe da Comunidade Europea do pasado 3 de marzo reflicte que o 9 por cento da poboación española -- isto é, catro millóns de persoas e máis dun millón de fogares-- quedan fóra das infraestruturas tradicionais do ADSL ou do cable.

Segundo opinou o responsable de Astra, unha vez déronse a coñecer os responsables dese informe --no mes de marzo-- "a cifra de Galicia supera ese 9 por cento".