Os emprendedores coñecerán os negocios con máis futuro e o software libre nunha xornada en Santiago

Actualizado: miércoles, 23 abril 2008 19:26

O Igape programa axudas para empresas de Galicia que desenvolvan software en código aberto

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Abr. (EUROPA PRESS) -

Os ámbitos de negocio con máis futuro e a presentación do software libre serán algunhas das cuestións que se abordarán no III Día Galego do Emprendedor, que se celebrará o 15 de maio no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela.

A iniciativa, que ten por finalidade proporcionar aos emprendedores galegos pautas para converter unha idea nunha empresa, está organizada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e BIC Galicia, da Consellería de Economía e Facenda.

A xornada enmárcase ademais dentro da campaña 'Emprendemos xuntos' do Ministerio de Industria e estará centrada nos novos modelos de negocio como o ámbito do software libre.

Ademais, o Igape está a deseñar actividades orientadas ao público novo, en colaboración coa Asociación de Empresas Galegas de Software libre (Agasol) para ofrecerlles exemplos e experiencias emprendedoras neste ámbito.

NOVOS MODELOS.

Por outra banda, nesta sesión estará presente o biólogo e profesor universitario Juan Freire Botana, un dos 'bloggers' máis recoñecidos de España, que disertará sobre os novos modelos empresariais, "abertos e en rede", fronte aos tradicionais, "pechados e xerárquicos", por influencia das novas tecnoloxías.

Freire Botana explicou que na actualidade as empresas se estruturan seguindo fórmulas en rede e que ademais as fontes de ideas "superan" os límites da empresa polo que ofrece unha "oportunidade" para os emprendedores.

Así mesmo, destacou que Internet e as novas tecnoloxías abren "oportunidades de negocio" en xeral e non só para os sectores tecnolóxicos. Así, asegurou que "reducen" os custos de comunicación e de organización, o que resulta de "grande" interese para os emprendedores que se lancen á creación dunha empresa así como para as pequenas sinaturas.

AXUDAS A EMPRESAS.

Igualmente o Igape ten en marcha un programa de axudas para empresas de Galicia que desenvolvan software en código aberto co propósito de "incentivar" o desenvolvemento de aplicativos, reducindo os riscos e custos de desenvolvemento interno, coa condición de que propoñan a implantación gratuíta deste software en pequenas e medianas empresas.

A contía destas subvencións terá un límite que non superará o 50 por cento dos gastos do proxecto e o apoio máximo por iniciativa aprobada será de 150.000 euros. O prazo para presentarse a estas axudas rematará o 12 de maio.