Os sete proxectos galegos premiados por empregar as TIC en normalización lingüística aplicaranse este curso

Actualizado: martes, 15 diciembre 2009 19:06

Recibirán 3.000 euros cada un por introducir as novas tecnoloxías como "valor engadido" en programas de dinamización do galego

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 Dic. (EUROPA PRESS) -

Os proxectos impulsados por cinco centros galegos de infantil e primaria e dous de secundaria que resultaron premiados pola Xunta de Galicia a conxugar innovación, novas tecnoloxías e normalización lingüística, aplicaranse durante o presente curso académico.

En rolda de prensa, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, explicou que os devanditos proxectos, que recibirán un total de 3.000 euros cada un, foron seleccionados dun total de 68 solicitudes presentadas aos premios de innovación en normalización lingüística, que se incrementaron "nun 300 por cento" respecto a pasadas edicións.

Segundo manifestou Lorenzo, dito certame ten o obxectivo de fomentar o galego oral "dentro e fóra das aulas" e dar a coñecer a realidade sociocultural de Galicia, co "valor engadido" de introducir as novas tecnoloxías en materia lingüística e implicar "outras entidades ademais dos centros educativos".

Así, entre as "variadas" propostas presentadas, o titular do departamento autonómico destacou o impulso de festivais de cinema ou canles de televisión en liña para "a introdución do audiovisual"; a creación de blogs ou redes sociais; a aproximación do galego "en todas as manifestacións posibles"; ou actividades que inciden en "poñer en valor o plurilingüísmo".

Pola súa banda, o director xeral de Educación, Jose Luis Mira Lema, incidiu na "importancia" de "implicar o profesorado" na modernidade e nas "novas tecnoloxías", ao tratarse da "pedra angular" do sistema educativo.

Así, avogou por "aproveitar todos os recursos dispoñibles" nun "ambiente multilingüe" para que a "mellora das competencias" do alumnado se realice coa capacitación axeitada. "Formemos o profesorado na mellora metodolóxica", indicou.

Neste sentido, aclarou que a aprendizaxe de idiomas do alumnado galego "implica todo o profesorado" e "non soamente aos --docentes-- de linguas. Ademais, avanzou que en marzo terán lugar unhas xornadas de formación para mellorar e ampliar os recursos do profesorado, que estarán dispoñibles a través de Internet.

GALARDOADOS

Os centros galardoados nesta edición foron o CEIP Aguiño, de Ribeira, por 'Mar de mulleres asolagadas'; o CEIP A Gándara, de Carballo, por 'Mergullados nos mares da palabra'; o CEIP A Pedra, de Bueu, polo traballo 'Galegos e galegas de aquí e acolá'; o CEIP Bergantiños, de Carballo, que se presentaron con 'Casas de aquí e acolá'; o CEIP Quintela, de Moaña, por 'En galego pola rede'; o IES Menéndez Pidal, de A Coruña, polo proxecto 'A aldea global: Galicia é máis Galicia cando é todos os mundos'; e finalmente, o IES Sardiñeira de A Coruña por 'LinguaTIC@s'.

Así mesmo, concedéronse tamén catro accésits ao IES Félix Muriel, de Rianxo, por 'Abrindo portas en galego'; o IES Perdouro, de Burela, polo 'Proxecto de Dinamización Lingüística de Burela'; o IES Rodeira, de Cangas, por 'Vivir en galego. Queremos. Podemos'; e para o IES Porto do Son por '2010. Vinte dez'.