O primeiro cómic interactivo para iPhone e iPod Touch chegará en xaneiro a 50 millóns de persoas dende Galicia

Actualizado: martes, 29 diciembre 2009 16:27

A primeira das historias de 'Quotidiania Delirante', de Miguelanxo Prado, poderá descargarse de xeito gratuíto no AppStore

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Dic. (EUROPA PRESS) -

O primeiro IMotion Cómic, un novo formato de interactivo e multimedia en formato iPhone e iPod Touch e desenvolvido por Continental Games e Costa Oeste en Galicia, poderá descargarse na segunda quincena de xaneiro na plataforma AppStore, coa que chegará a 50 millóns de persoas en todo o mundo directamente e sen intermediarios.

Así o destacou hoxe o director da área de videoxogos de Continental, Carlos Fernández, que participou na presentación en Santiago da "innovadora" aplicación, baseada nun formato de cómic "interactivo", narrado e con efectos que "non ten precedentes a nivel internacional". Na tecnoloxía participou tamén unha spin-off da Universidade de Santiago, Paralaxe Multimedia and Virtual System.

O produto, deseñado en Galicia, estrearase coa dixitalización da obra 'Quotidiania Delirante', do debuxante Miguelanxo Prado, que será distribuída en máis de 70 países e entre 50 millóns de persoas grazas ao AppStore, unha aplicación para iPhone e iPod Touch que permite descargar aplicacións da rede "sen necesidade de intermediarios".

Neste formato, ao cómic dixitalizado engadiránselle animacións coidadosamente deseñadas, opcións de idioma para os textos, efectos especiais, banda sonora e narración, aínda que "respectando a esencia do cómic".

CÓMIC

Para o lanzamento mundial do iMotion Cómic, Continental distribuirá na segunda quincena de xaneiro a través do AppStore a primeira das 40 historias da 'Quotidiania Delirante', que poderá descargarse de xeito gratuíto e que contará con narración en inglés e textos en galego, castelán, inglés e francés.

A continuación, a empresa ten xa preparadas para lanzar as dúas seguintes historias, aínda que prevé no futuro ir ampliando as posibilidades de idioma tanto en texto coma en audio. O resto da obra está previsto lanzala en paquetes de dous ou tres historias.

Para o autor da obra, Miguelanxo Prado, 'Quotidiania Delirante' adáptase ben a este formato, ao tratarse de "historias concretas e curtas" con "contido humorístico". Non obstante, eloxiou o "enorme potencial" deste novo formato e apostou por "ir adecuando" os contidos dos cómic a "este tipo de dispositivos" no futuro.

CREAR CONTIDO

Pola súa banda, o presidente do Grupo Continental, Pancho Casal, remarcou a "oportunidade" presenta este formato de que "crear dende Galicia unha industria punteira" neste ámbito e que chegar a ser "referencia absoluta" internacional no iMotion Cómic.

Ademais do produto, indicou, Continental lanzará tamén a ferramenta que posibilitará aos creadores transformar calquera cómic a este formato.