SANTIAGO DE COMPOSTELA/MADRID 9 Abr. (EUROPA PRESS) -
O Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG), xunto con Telefónica e Ericsson, desenvolveron un proxecto conxunto, denominado 'Coche conectado', que permite aos usuarios conectarse aos dispositivos multimedia do seu fogar dende o automóbil, así como contar coas últimas tecnoloxías e conectividade tanto 3 G como 4 G e que o manteñen en contacto cos centros de asistencia.
Fontes de Telefónica indicaron a Europa Press que a empresa ten intención de contactar cos fabricantes de automóbiles para instalar este sistema en diferentes vehículos e tamén iniciarán contactos coa Dirección Xeneral de Tráfico (DGT) para coordinar os sistemas de información ao usuario.
As tres entidades aseguraron que, grazas a esta nova ferramenta, o condutor poderá recibir alertas sobre incidentes en estrada, como por exemplo accidentes, atoamentos, problemas meteorolóxicos e, ademais, o automóbil poderá enviar información a un servidor central.
Desta forma, o proxecto permite ao coche ter acceso aos centros de asistencia de forma automática e en caso de avaría ou accidente enviará a información pertinente a estes puntos, o que permitirá a asistencia automática e facilitará que os devanditos datos se compartan co resto de condutores.
Ao mesmo tempo, o proxecto 'Coche conectado' estende a rede persoal do fogar ao automóbil, posto que dende o automóbil se pode acceder automaticamente aos servidores e repositorios que o usuario teña no fogar. Esta conexión realízase a través das redes móbiles.
UTILIDADES
Por outro lado, esta ferramenta tamén serve para coñecer o uso que se está a facer dun vehículo, con datos sobre o tempo de condución, a velocidade media ou as freadas bruscas, entre outros aspectos. Esta información pode ser "moi útil" para as empresas de aluguer de vehículos e para as aseguradoras, que poderían establecer unha cota diferente en función do uso que se lle dea ao coche.
Telefónica, Ericsson e CTAG sinalaron que os usuarios poderán acceder a todos estes servizos a través dun dispositivo integrado no coche, ademais de por un porto cunha tarxeta SIM, dado que as comunicacións se realizarán vía móbil con tecnoloxía 3 G e 4 G.
No marco deste proxecto, que arrancou en outubro de 2008, Ericsson centrouse na implementación do dispositivo de comunicacións embarcado, da súa conexión cos servidores de automoción e dos desenvolvementos necesarios na rede.
POr a súa parte, Telefónica traballou especialmente na infraestrutura de maquetas e tarxetas SIM, na conectividade móbil e facilitou o financiamento da participación de CTAG, que achegou o seu coñecemento no sector do automóbil.