Un software en 3D calcula o illamento contra o ruído dun edificio "dunha vez" e segundo a nova normativa

Actualizado: domingo, 16 agosto 2009 15:30

O obxectivo do equipo de investigación foi crear unha ferramenta "potente e completa" adaptada ao novo Código da Edificación

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Ago. (EUROPA PRESS) -

Un software en 3D elaborado por unha empresa galega permite a arquitectos e enxeñeiros calcular o illamento acústico total dun edificio de xeito "directa" e de acordo coa nova normativa que regula a protección contra o ruído en España.

O programa, que se denomina SONarchitect, foi elaborado polo grupo de I+D da empresa Sound of numbers, que naceu en 2007 a partir do departamento de acústica da Universidade de Vigo. Os traballos desenvolvéronse no Parque Tecnolóxico de Galicia --en Ourense--, duraron algo máis dun ano e deron como resultado un produto que xa está no mercado.

O obxectivo do equipo de investigación foi crear unha ferramenta "potente e completa" adaptada ao novo Código Técnico da Edificación (CTE), que o Ministerio de Vivenda modificou en 2007 e cuxos últimas correccións técnicas aprobáronse no pasado abril. Entre estes documentos atópase o de protección fronte ao ruído, que estipula os criterios de edificación en relación co illamento acústico.

En declaracións a Europa Press, o responsable de investigación da empresa, Óscar Outumuro, destacou do programa que consegue realizar os cálculos "todos dunha vez". "Abonda meter os datos do edificio e dalo a unha tecla", engadiu, e detallou que o que se produce a continuación é un "levantamento en 3D dos planos.

Entón, indícache se cada planta cumpre ou non cumpre" os criterios de illamento, a través dunha ficha na que unha serie de menús despregables achegan as solucións válidas. O programa inclúe o catálogo construtivo estándar do ministerio, pero cada usuario pode incluír outras particularidades, que á súa vez amplían a base de datos do software para futuras actualizacións.

"UN CAMPO SEN EXPLORAR"

A medición do illamento dunha construción ten en conta elementos como os materiais empregados, a distribución das estanzas da vivenda e o tipo de ruído que se pretende illar. Así, por exemplo, o control das vibracións é "algo que antes non se consideraba e que a nova norma esixe", sinalou.

"Hai que analizar todos os brancos onde pode haber debilidades", incidiu, e apuntou que "un cuarto, unha parede lindante, o teito, o oco da escaleira ou os ecos da cociña" poden determinar cambios na planificación do illamento.

Segundo explicou Outumuro, a nova regulación é "moito máis esixente" e abre "un campo sen explorar que vai dar moito de si", de aí que Sound of numbers trate de "simplificar" o proceso de cálculo e "facilitarlle as cousas" ao colectivo dos arquitectos.

Ata agora só existían módulos de cálculos "máis pequenos", e a alternativa á opción virtual eran as follas de cálculo ou a estimación "a man", a base de fórmulas, subliñou. Así, reivindicou o resultado das investigacións do seu grupo, posto que é a "primeira aplicación que trata ao edificio como un sistema enteiro".

PONTEVEDRA E OURENSE

Por iso, o produto está a recibir "moita demanda", asegurou, e ten en arquitectos e enxeñeiros os seus consumidores máis frecuentes, xa que a estimación dos niveis de ruído supón un traballo "tedioso" que derivan "en xente especializada". En Galicia, onde máis traballan é nas provincias de Pontevedra e Ourense, aínda que tamén ofrecen os seus servizos a profesionais de Andalucía, Madrid e Valencia.

Por último, Outumuro chamou a atención sobre a certificación final que reclama a nova normativa e que xa se aplica en Vigo. Ata agora, explicou, abondaba con presentar o proxecto ás administracións competentes --Concello e Xunta--, pero agora "tes que demostrar que cumpres todo, con medicións in situ" unha vez realizada a obra.

Isto significa que o illamento ante o ruído nas edificacións superará a "manga ancha de antes", indicou, aínda que aprazou a observancia de tal rigorosidade "a que se empecen a dar os primeiros toques de atención", momento no que, dixo, os construtores deberán aterse "realmente" aos criterios do decreto. "O noso programa será aínda máis útil entón", concluíu.