Un total de 50 expertos europeos en tecnoloxías de aprendizaxe electrónica reúnense en Vigo

Actualizado: jueves, 5 marzo 2009 20:02

O grupo universitario de Enxeñería Telemática é o anfitrión da primeira asemblea xeral do consorcio Aspect

VIGO, 5 Mar. (EUROPA PRESS) -

Un total de 50 expertos europeos en tecnoloxías de aprendizaxe electrónica, procedentes de 16 países distintos, participan dende hoxe na primeira asemblea xeral do Consorcio Aspect -unha Best Practice Network enmarcada no programa eContentPlus da UE- que se celebra en Vigo.

Esta rede de traballo está formada por representantes de 22 institucións europeas e a Universidade de Vigo, concretamente o grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos, que ten a representación española.

Aspect é unha das dúas Best Practice Network que están activas no campo dos contidos educativos e, neste caso, os membros do consorcio representan expertos internacionais de primeiro nivel, autores de especificacións e estándares internacionais.

Durante dous días debaterase sobre cáles das especificacións que actualmente están enriba da mesa poden resultar máis útiles na práctica. Entre os participantes destaca Erik Duval, profesor da Universidade Católica de Lovaina en Bélxica e editor técnico de 'Learning Object Metadata', o primeiro estándar de tecnoloxías educativas aprobado polo IEEE; así como Jan Pawlowski, referencia internacional en temas de calidade para a educación e actual presidente do grupo de estandarización de tecnoloxías educativas do Comité Europeo de Normalización.

Segundo explicou o profesor Luis Anido, director do grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos de Vigo e investigador anfitrión, o encontro complétase con sesións máis prácticas para tratar de poñer en común as actividades desenvolvidas nos primeiros meses de traballo, dado que o consorcio só leva funcionando 6 meses.

VIGO

A Universidade de Vigo destacou que o grupo de Enxeñería Telemática é un "referente" a nivel estatal e internacional, pois participou no desenvolvemento de cinco normas europeas e é responsable do Observatorio para a Estandarización das Tecnoloxías Educativas, que é o observatorio oficial do Comité Europeo de Normalización.

Na actualidade o grupo está composto por unha vintena de investigadores que traballan en temas de tecnoloxías educativas sobre diferentes dispositivos, non só o ordenador persoal, senón tamén o teléfono móbil ou a televisión.

Ademais, tamén están a abordar "dominios nos que a introdución das TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación) é moi reducido, como a educación infantil, mesmo por debaixo dos 3 anos, e a xente maior,", explicou Anido. A agrupación traballa en varios proxectos nacionais, un par de iniciativas galegas e entre 8 e 10 con institucións privadas, todos eles no campo da aprendizaxe electrónica.