Unha planta de fabricación de vidro de alta eficiencia enerxética xerará 60 empregos en Valdeorras (Ourense)

Facilita o aforro en verán limitando a radiación de entrada e en inverno evitando perdas de calor

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 6 mayo 2008 19:43

OURENSE, 6 May. (EUROPA PRESS) -

Cedisolar, unha nova planta de fabricación de vidro de alta eficiencia enerxética, xerará 59 novos empregos en Valdeorras (Ourense) cunha inversión que supera os 32 millóns de euros, dos que 7 millóns serán achegados por parte do Igape e Xesgalicia.

Este proxecto, impulsado polo grupo Rioglass Solar Holding, no que participa Abengoa, e por Cedie, empresa do grupo Unión Fenosa, está destinado principalmente a aplicacións de aforro enerxético en arquitectura. Así, este vidro de alta eficiencia facilita o aforro tanto en verán, limitando a radiación de entrada, como en inverno, evitando as perdas de calor.

Situada no Barco de Valdeorras, esta nova factoría terán unha capacidade de produción de 3,4 millóns de euros anuais. Debido ao interese do proxecto e ao especial carácter dinamizador que ten para esta bisbarra ourensana, o Igape prevé achegar unha subvención de 6,18 millóns de euros e que cubrirá o 22 por cento da inversión subvencionable, cifrado en 28 millóns.

Pola súa parte, Xesgalicia, a sociedade xestora dos fondos de capital risco da Xunta, participa no capital social de Cedisolar, cunha inversión de 1 millón de euros. Está previsto que a nova factoría logre unha facturación de case 24 millóns de euros no primeiro ano de funcionamento.

FINANCIACION PREFERENTE.

No acto de presentación o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, destacou que os novos proxectos empresariais localizados na bisbarra de Valdeorras disporán de axudas que cubrirán como mínimo un 20 por cento dos investimentos subvencionables e contarán con financiamento preferencial con empréstitos a interese do 2 por cento.

Explicou que nas liñas de concorrencia non competitiva para apoiar investimentos importantes, as iniciativas que escollan Valdeorras como localización terán maiores porcentaxes de subvención garantida.

Por outra banda, engadiu que nas liñas de concorrencia competitiva os proxectos desta bisbarra ourensana dispoñen de maiores posibilidades de ser seleccionado e, se son escollidos, alcanzarán unha porcentaxe de apoio superior ao que recibirían noutra situación.

Fernández Antonio recordou que nos tres últimos anos o Igape apoiou investimentos empresariais nesta bisbarra por un importe de case 20 millóns de euros, entre os que se atopa o da auxiliar de automoción Rieter Saifa, cun proxecto que inicialmente prevé a creación de 90 novos empregos.

Contenido patrocinado