Unha rede sobre inmunoterapia coordinada pola Universidade de Vigo busca o uso teparéutico da investigación

Actualizado: viernes, 17 julio 2009 21:02

Integra centos de investigadores que traballan en 13 universidades, hospitais e empresas de España, Francia e Portugal

VIGO, 17 Jul. (EUROPA PRESS) -

O grupo de Inmunoloxía da Universidade de Vigo será o encargado de coordinar a Rede Europea de Inmonoterapia --Immunonet--, na que se integran 13 institucións europeas que desenvolven investigacións neste ámbito, co obxectivo potenciar que os avances en laboratorios se traduzan en usos terapéuticos.

"Un dos problemas que temos é como levar os fármacos que desenvolvemos os grupos de investigación ao paciente", explica a coordinadora da rede, a catedrática do departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da Universidade de Vigo, África González.

Para iso, constituíuse a rede Immunonet, que integra a grupos de investigación moi básica que traballan sobre todo con animais e modelos experimentais, grupos clínicos que se centran en modelos humanos con células extraidas de pacientes con leucemia, alerxias ou enfermidades autoinmunes e, en terceiro lugar, o grupo dedicado a realizar ensaios clínicos.

Así se busca unha rede multidisciplinar, xa que "a colaboración agora mesmo é a única forma de avanzar en ciencia", argumenta a catedrática África González, quen agrega que "a sofisticación e tecnificación actuais fan moi difícil que unha soa persoa poida dar cobertura a unha idea brillante".

OBXECTIVOS

Immunonet é a única rede que existe deste tipo en España e en Europa, xa que só hai unha semellante en EE.UU. no Instituto Nacional do Cancro. Así, integra centos de investigadores que traballan na cura de enfermidades a través da estimulación do sistema inmune nun total de 13 universidades, hospitais e empresas de España, Francia e Portugal.

A súa finalidade é que as investigacións teñan unha aplicación terapéutica e para iso, a rede buscará o intercambio de mostras, potenciará o envío de estudantes duns laboratorios outros e porá en servizo unha web. "Trátase de que tanto investigadores como empresas, hospitais e a sociedade en xeral, poida ter información e saber qué ensaios se están a facer ou en qué centros se están a levar a cabo", explica África González.

Investigadores que traballan en prestixiosos centros como o CNRS (Centre National de la Recherche Scientifique) e o INSERM (Institut National de la Santé et da Recherche Medicale) de Francia; en hospitais españois como a Clínica Universitaria de Navarra, a Clínica Porta de Ferro ou o Hospital da Princesa de Madrid; no instituto de Medicina Molecular e a Universidade de Porto e nas empresas Digna Biotech e Biotecnol, integran a Rede Europea de Inmunoterapia, baixo a coordinación da Universidade de Vigo a través do grupo de Inmunoloxía, unidade compartida co Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI).

FINANCIAMENTO

Immunonet conseguiu un financiamento de máis dun millón de euros do programa Interreg SUDOE-FEDER (Programa de Cooperación Territorial do Espazo Sueste Europeo), ao que concorreron que 256 proxectos, dos que só 45 foron seleccionados.

Desta partida beneficiaranse nove das 13 institucións que integran a rede, de forma que quedarán fóra dúas empresas, o Instituto de Saúde Alto Ave e o INSERM, que se sitúa na rexión de París. Cunha duración inicial de tres anos, a rede ten, como sinala a súa coordinadora, "unha clara vocación de continuidade", así como a aspiración a integrar "diversos especialistas de diferentes ámbitos que xa empregan a inmunoterapia".