A Universidade de Vigo participa na posta en marcha do láser máis potente do mundo

Actualizado: sábado, 1 marzo 2008 12:53

Mellorará tratamentos oncológicos, a visualización de imaxes médicas ou o desenvolvemento de tratamentos de residuos nucleares

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Mar. (EUROPA PRESS) -

Os profesores Humberto Michinel e Daniele Tommasini, da Facultade de Ciencias de Ourense, pertencente á Universidade de Vigo (UDV), participan no proxecto 'Extreme Light infraestructure' (ELI) para construír o que será o láser máis potente do mundo.

Recentemente mantiveron un encontro en París para comezar a poñer en marcha esta iniciativa que situará a Europa na vangarda tecnolóxica neste ámbito. Sobre as aplicacións, Michinel destacou que "servirá para investigar moitísimas cousas, dende fontes de enerxía como a fusión nuclear, que se supón que é o futuro, ata as novas terapias en medicina nuclear".

A construción do ELI suporá que Europa se poña á cabeza mundial das aplicacións de láseres ultraintensos baseados en tecnoloxías de pulsos láser ultracurtos. "A concentración de enerxía en espazos tan curtos de tempo xera potencias de pico ultraintensas que permiten producir mesmo reaccións nucleares empregando luz", afirmou este investigador.

A mellora dos tratamentos oncolóxicos, a visualización de imaxes médicas ou o desenvolvemento de novos métodos de tratamento de residuos nucleares serían algúns dos beneficios que ELI podería achegar á sociedade.

Este láser sería aproximadamente unhas 1.000 veces máis poderoso que o megajoule de Francia ou o National Ignition Facility (NIF) de Estados Unidos, logrando a súa extrema potencia a través da brevidade dos seus pulsos: femto ou attosegundos.

SEDE EN FRANCIA OU RUMUNIA.

A sede do proxecto aínda que non está elixida e, segundo Michinel, "será unha das decisións que se tomen nos próximos meses, pero xa foi un dos asuntos de debate que se abordaron na reunión de París". "Probablemente será en Francia ou en Romanía, que son os países máis interesados,", avanzou.

Ademais de Vigo, tamén participaron no encontro na capital francesa outras tres universidades españolas: a Complutense e a Politécnica de Madrid, ademais da de Salamanca, xunto con outras 50 institucións dedicadas a investigación dun total de 13 países.

Tommasini e Michinel pertencen ao grupo de investigación de Óptica Física do departamento de Física aplicada e foron invitados á reunión de París tras unha recente publicación en 'Physical Review Letters', na que informaron sobre o posible uso do ELI para verificar por primeira vez as propiedades ópticas do baleiro cuántico.

Comunicacións ópticas, métodos informáticos avanzados, óptica cuántica e ondas de materia ou visualización científica, son algunhas das liñas de traballo deste grupo de investigación, que ten entre os seus logros a formulación dunha teoría sobre a posibilidade de obter luz líquida a partir do láser.