A Universidade de Vigo é unha das tres primeiras españolas en entrar na plataforma dixital iTunes U

Actualizado: jueves, 30 abril 2009 20:47

Haberá dispoñibles unhas 500 horas de contidos educativos aos que se poderá acceder de forma gratuíta

VIGO, 30 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Universidade de Vigo será unha das tres institucións académicas españolas en entrar na plataforma dixital iTunes U, unha iniciativa posta en marcha por Apple para difundir contidos educativos e á que se pode acceder a través de PC, iPod ou iPhone.

Con centos de miles de arquivos de audio e imaxe, esta plataforma ten o obxectivo de converterse en referencia de contidos educativos en formato dixital e de forma gratuíta. Segundo explicou o vicerrector de Novas Tecnoloxías e Calidade, Anxo Sánchez, "é o repositorio de maior prestixio do mundo" sobre contidos docentes en formato multimedia".

Malia que a iniciativa naceu a base de contidos en inglés --de institucións de EE.UU., Gran Bretaña, Irlanda e Canadá-- a comezos deste ano iTunes U empezou a ofrecer documentos noutros idiomas, mediante a incorporación de universidades de Alemaña, Francia e Suíza.

Agora será a quenda da Universidade de Vigo, que nos próximos meses colgará os seus contidos para que poidan ser descargados por calquera usuario do mundo. "Levamos un ano traballando para poder entrar na plataforma", explicou Sánchez, quen destacou que é necesario contar cun convite da empresa.

Antes de dar o seu visto bo á incorporación, iTunes U analizou os contidos que Vigo difundirá e, tras este paso, o proceso está pendente da sinatura dos protocolos.

NUN MES

Dende Apple púxose un límite de incorporación de 20 universidades españolas, entre as que a de Vigo será pioneira e empezará a ofrecer os seus contidos en aproximadamente un mes.

A entrada da institución viguesa en iTunes U é para a Universidade un "paso adiante moi importante" de cara a consolidar o seu potencial no campo do 'e-learning'. O que máis buscan os usuarios son as 'pílulas docentes', pezas duns 10 minutos con conceptos fundamentais, directas e concisas, con máis vídeo que audio e que serán a base da oferta da institución.

Así, Vigo subirá á plataforma 'pílulas docentes' e todos os contidos de UVigo TV compatibles co formato da plataforma. Para iso, utilizarase o sistema de catalogación de vídeo que desenvolveu a propia Universidade, denominado 'Pumukit', e que está sendo utilizado por outras 15 institucións académicas iberoamericanas.

En principio, haberá dispoñibles unhas 500 horas de contidos, se ben en Vigo existe capacidade para producir 2.000 horas de contidos. A estes documentos poderase acceder a través dun enlace, polo que a Universidade non ten que cedelos a Apple.