Uns 40 alumnos de Xornalismo crean unha "guía directa" en internet para difundir "a cara oculta" de Santiago

Actualizado: martes, 17 abril 2007 13:53

Exploradores Urbanos 07 é un proxecto para dúas materias que busca axudar a "converter unha viaxe turística nunha experiencia social"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 Abr. (EUROPA PRESS) -

Un grupo de 40 estudantes de Xornalismo da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) crean como traballo para dúas materias unha "guía directa" en internet que presenta "a cara oculta" e "aspectos insospeitados" da capital de Galicia e ofrece comentarios de persoas para "converter unha viaxe turístico nunha experiencia social".

A web en formato de guía directa 'Exploradores Urbanos 07' (www.novosmedios.org/exploradores), concibida para contar os segredos de Santiago que non aparecen nas guías turísticas oficiais, é un proxecto das materias Creación de Produtos na Rede e Taller de Aplicacións na Rede de Cuarto curso de Periodismo que se actualizará entre abril e xuño de 2007.

Así, o profesor da USC Manuel Gago sinalou, en declaracións a Europa Press, que Exploradores Urbanos 07 "fala pouco de monumentos, que xa aparecen en moitas webs, pero moito das persoas e colectivos que poden converter unha viaxe turística nunha experiencia social".

Nesta guía en internet, aínda en fase de desenvolvemento, os turistas e os propios compostelanos poden investigar sobre innovacións e tradicións culinarias na sección 'Gastronomía inesperada' --sección na que os propios alumnos visitan restaurantes e tascas para despois expoñer a súa valoración--, así como percorrer as tendas máis orixinais da cidade --na sección 'De compras'-- ou coñecer o patrimonio contemporáneo ou o patrimonio histórico que non coñeces.

OCIO

Por outra banda, os estudantes tamén comparten a súa experiencia en ocio, xa que gravan con teléfonos ou cámaras os locais máis populares da noite compostelana e investigan sobre música tradicional ou o taller Nove Circo de Ames co fin de mostrar a "outra cara" do tempo libre na capital de Galicia.

Manuel Gago detallou que o obxectivo desta iniciativa, que se realiza por primeira vez no itinerario de Periodismo Electrónico, é ofrecer unha mirada "pouco tópica" á vez que "local e dende dentro" de Santiago de Compostela.

Finalmente, Gago subliñou que os alumnos controlan todas as partes técnicas do proxecto, xa que producen a información, modifican o software de acordo cos intereses da publicación e "mesmo" o traducen ao galego. Ademais, actualízano diariamente.

Por último, apuntou que Exploradores Urbanos ofrece un enfoque "multimedia, como unha superprodución web" e afirmou que "a idea é" que o proxecto se actualice "ano tras ano" cos novos estudantes da materia.