A Xunta achega case 30 millóns para contratar este ano a 500 investigadores e tecnólogos

Actualizado: martes, 5 junio 2007 15:04

Innovación equipara as condicións do programa 'Isidro Pondal' ao 'Ramón e Cajal' do Ministerio de Educación e Ciencia

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 5 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Innovación achegará este ano 29,4 millóns, un 120% máis que en 2006, para fomentar a contratación de 500 investigadores e tecnólogos, dos que 351 ocuparán novas prazas e 149 refírense a prórrogas.

O titular deste departamento autonómico, Fernando Blanco, subliñou que esta convocatoria -que se publicará proximamente no DOG- "supón a maior aposta cuantitativa e cualitativa realizada en Galicia polos recursos humanos en I+D+i e por mellorar as condicións dos investigadores e tecnólogos".

Os obxectivos xerais son incrementar o número de investigadores e a súa cualificación, crear condicións laborais atractivas, profesionalizar a actividade de I+D+i e facer promoción de xestores de innovación e tecnólogos nas empresas.

Para iso, articúlase a través de oito programas unha carreira científica e tecnolóxica en todas as súas etapas: formación, consolidación e incorporación, tanto no sector público coma no privado.

CREAR LIDERES DE INVESTIGACION

A carreira científica está deseñada para a formación e consolidación do persoal investigador e para a súa integración estable dentro do sistema. O reto é crear líderes para a investigación, fomentando a excelencia no sistema galego de I+D+i coa incorporación de investigadores do alto nivel.

Ademais, Innovación subliñou que, por primeira vez, se abre a carreira científica a participación de empresas. Así, as subvencións articúlanse mediante catro programas: 'María Barbeito', 'Anxeles Alvariño', 'Isidro Parga Pondal' e 'Manuel Colmeiro'.

Fernando Blanco destacou que o seu departamento atendeu as demandas dos investigadores do programa 'Isidro Parga Pondal' e equiparou as súas condicións ás do 'Ramón e Cajal' do Ministerio de Educación e Ciencia.

En canto á carreira de tecnólogo, o obxectivo é aumentar a capacidade en recursos humanos dos centros de I+D públicos e privados. A Xunta resalta que é un sistema pioneiro en España por ser o único que incide en todas as etapas, dende a formación á consolidación e incorporación, a través dos programas 'Lucas Labrada', 'Isabel Barreto' e 'Eloi Luis André'.

Finalmente, destínanse 2 millóns de euros para estanzas no estranxeiro e en centros españois situados fóra de Galicia co fin de fomentar a mobilidade, cubrindo gastos de viaxe, seguro de accidentes e unha asignación mensual de entre 1.200 e 1.900 euros segundo a modalidade.