SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Dic. (EUROPA PRESS) -
O director xeral de I+D+i da Xunta, Salustiano Mato, afirmou hoxe que o próximo ano todas as plataformas tecnolóxicas galegas "estarán presentes na Unión Europea a través da Rede Neurona" co obxectivo de dar "o salto á internacionalización".
En declaracións a Europa Press tras presentar en Bruxelas a Rede de Plataformas Tecnolóxicas Galegas, Neurona, ante 75 axentes de I+D+i da UE, Salustiano Mato destacou que as agrupacións desta comunidade "xa conseguiron madurar para abordar o mercado estatal" e engadiu que "agora é o momento de facer o mesmo co comunitario".
Mato pretende que a Rede Neurona sexa "a marca en investigación" de Galicia e que a Unión Europea perciba á comunidade autónoma como "socio estratéxico e de interese" para cooperar e mesmo con vocación de liderar proxectos de I+D+i.
O responsable autonómico desta materia citou entre as plataformas tecnolóxicas galegas "máis maduras" as vinculadas á automoción, a alimentación e as tecnoloxías da información e a comunicación e engadiu que para o próximo exercicio poden ter xa a masa crítica necesaria outras como as relacionadas co naval e a madeira.
IMPULSO DA I+D+i
Galicia conta na actualidade cun total de 14 plataformas tecnolóxicas constituídas, que supoñen a base de impulso da I+D+i galega e do sólido desenvolvemento económico e social. Dentro destas figuran 542 empresas e 44 asociacións empresariais.
Dende o ano 2006 a Consellería e Innovación e Industria destinou 2,5 millóns de euros para a creación destas plataformas nos sectores TIC, automoción, agroalimentación, construción naval, enerxía, medio ambiente, biotecnoloxía, pesca, granito, materias e procesos de fabricación, madeira, audiovisual e produto gráfico e libro.
Estas plataformas, lideradas polos respectivos centros tecnolóxicos ou clústeres empresariais, son instrumentos que agrupan axentes representativos do contorno produtivo, científico e tecnolóxico dun sector, tales como empresas, centros tecnolóxicos, grupos de investigación universitarios ou entidades financeiras.