A Xunta destaca que "por primeira vez" o gasto empresarial en I+D+i crece respecto ao público

Actualizado: jueves, 15 noviembre 2007 19:31

Avoga por "sistematizar" os indicadores galegos en Investigación, Desenvolvemento e innovación e homologalos aos índices da UE

VIGO, 15 Nov. (EUROPA PRESS) -

O director xeral de I+D+i, Salustiano Mato, afirmou hoxe en Vigo que, segundo os últimos datos que manexa o seu departamento, "se constata un aumento claro do gasto empresarial" en Investigación Desenvolvemento e Innovación (I+D+i) e que, "por primeira vez crece respecto ao gasto público".

En declaracións a Europa Press, previas á inauguración dunha xornada unha xornada sobre Territorios Innovadores para realizar un diagnóstico dos índices de I+D+i en Galicia, Mato recoñeceu que a comunidade está "moi abaixo" respecto a outras rexións europeas aínda que destacou que "é a que máis rápido crece", o que significa que está na "senda da converxencia", engadiu.

Ao respecto dos índices de I+D+i, destacou que estes "serven para dar unha pista" da situación galega, aínda que aclarou que "sempre se dan con dous anos de atraso". Así, lembrou que o Plan Galego de Desenvolvemento Tecnolóxico (Incite) só ten un ano de vida, polo que os resultados actuais sobre o I+D+i "vén das políticas de innovación que se realizaban anteriormente" e "aínda non se visualiza" o "cambio de paradigma" e a mellora da situación galega que, segundo el, esta conseguindo o citado plan.

Mato destacou que existen "potentes" índices para medir os indicadores de I+D+i, como o Índice Sintético de Innovación da UE, que recolle máis de 25 variables e abrangue a Europa dos 25, achegando datos de 2006. Segundo este estudio, que é utilizado pola Xunta, Galicia ocupa o posto 142 dun total de 208 rexións.

Así mesmo, tamén destacou que o recentemente exposto, realizado pola Universidade Complutense de Madrid, "é bastante bo" aínda que achega datos de 2005 e restrinxe o territorio á Europa dos 15. Segundo este documento, Galicia está no posto 107 dun total de 145 rexións.

HOMOLOGACIÓN.

Non obstante, avogou por "sistematizar" os indicadores galegos e homologalos a estes índices, de forma que "se"poidan coñecer os resultados das políticas de I+D+i con algo máis de antelación", xa que os estudios adoitan ter "un atraso de dous anos".

Segundo destacou, as conclusións que se expoñan na xornada serán aproveitadas como "apoio" dos estudios que realiza a Dirección Xeral de I+D+i co obxectivo de realizar esta "sistematización" dos indicadores galegos para poder utilizalos para calcular e presentar índices "baixo as mesmas regras de xogo dos da UE". Así, se poderá realizar un seguimento axeitado da evolución da investigación, o desenvolvemento e a innovación na comunidade.