A Xunta destaca que o telecentro da Cañiza (Pontevedra) "dinamizará o acceso ás novas tecnoloxías"

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 28 enero 2009 19:34

SANTIAGO DE COMPOSTELA 28 Ene. (EUROPA PRESS) -

A Secretaría Xeral de Comunicación asegurou que o telecentro de comunicación do municipio pontevedrés da Cañiza inaugurado hoxe "dinamizará o acceso da poboación ás novas tecnoloxías" e será un espazo "apropiado" para iniciarse no mundo da comunicación audiovisual e da alfabetización dixital.

Tal e como explicou hoxe o departamento que dirixe Fernando Salgado, outro dos obxectivos do telecentro é converterse nun "punto de encontro" e, deste xeito, incorporalo como "alternativa habitual" na axenda de tempo libre da cidadanía.

Así mesmo, sinalou que a Rede de telecentros de Comunicación (RTC) é un servizo gratuíto que poderán empregar tanto asociacións e organizacións como colectivos de "todo tipo" para realizar cursos, roldas de prensa, videoconferencias, reunións de traballo e conferencias, entre outras opcións.

CARACTERÍSTICAS

Neste punto, precisou que a incorporación do concello á RTC permitirá que se beneficie do "traballo colaborativo en rede" e da "comunidade virtual" que integra a RTC.

Segundo indicou a Xunta, o telecentro da Cañiza, no que a secretaría xunto cos fondos Feder inverteron uns 120.000 euros, dispón de 20 ordenadores cos que pretende, ademais, que se desenvolvan proxectos que "aproveiten as sinerxías" que xorden da administración autonómica e da local.

Un telecentro de comunicación é un espazo acondicionado acusticamente e de estética particular que dispón de material informático, equipo de videoconferencia, material audiovisual, pantallas de proxección e de plasma, así como doutros sistemas de control que permiten recrear diferentes escenarios en función das necesidades técnicas do evento que se queira desenvolver.

Contenido patrocinado