Xunta, universidades e as principais firmas do sector galego crean o Centro Tecnolóxico do Textil

Actualizado: viernes, 6 febrero 2009 15:24

O conselleiro de Industria asegura que o seu obxectivo será fomentar a investigación e a innovación nesta actividade

A CORUÑA, 6 Feb. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Innovación e Industria, as tres universidades galegas e oito das principais empresas do sector en Galicia formalizaron hoxe, na Coruña, a constitución do novo Centro Tecnolóxico Téxtil, con sede no campus de Elviña. O titular do departamento autonómico, Fernando Blanco, indicou que entre os seus obxectivos estará fomentar a investigación e a innovación.

O acto de formalización da Fundación que rexerá este centro tivo lugar no Club Financeiro da Coruña, coa asistencia tamén de representantes das tres universidades e das empresa Inditex, Cortefiel, Adolfo Domínguez, Sociedade Téxtil Lonia, Roberto Verino, Pikolinos, Caramelo e Bimba & Lola.

Fernando Blanco explicou que estas instalacións estarán abertas a todas aquelas sinaturas que se queiran ir incorporando a esta iniciativa, coa que, afirmou, preténdese "desenvolver toda a capacidade investigadora do sector".

Así, sinalou que estas investigacións se centrarán dende a aplicación das novas tecnoloxías a este sector como na innovación nos procesos de produción. O centro, que estará situado en terreos do Parque Tecnolóxico da Universidade da Coruña, estará operativo dende hoxe mesmo, á espera de que se contrate o persoal e arranque definitivamente a súa posta en marcha. Blanco asegurou que este proceso podería estar concluído "en seis ou oito meses".

VOCACION INTERNACIONAL

Pola súa parte, o avogado e profesor na Escola Superior de Deseño da Universidade de Vigo, Fernando Trebolle, que dende hai dúas décadas traballa para a empresa Adolfo Domínguez, asumirá a súa dirección. Tanto o novo responsable do centro como o conselleiro indicaron que esta iniciativa "nace en Galicia, pero con vocación internacional".

Blanco sinalou tamén que esta iniciativa se enmarca nas actuacións do seu departamento para impulsar os centros tecnolóxicos. Así, asegurou que dos 11 que había en 2005 se pasou a 21 en 2008 e destacou que os recursos para este fin se "triplicaron" ata situarse 40 millóns de euros.

Así mesmo, engadiu que o Centro Tecnolóxico do Textil obedece á importancia deste sector en Galicia e recordou que representa case o 10 por cento das industrias manufectureiras nesta autonomía e dá emprego a máis de 17.0000 persoas.

EXPORTACIÓNS

Igualmente destacou a súa capacidade exportadora xa que representa case o 30 por cento do total das vendas ao exterior téxtiles do Estado e o 15 por cento do conxunto de todas as galegas. Por iso, subliñou a decisión de crear "estruturas de cooperación empresarial" e de "nexo" coas universidades e a Administración para manter a competitividade.

O presuposto para a constitución do Centro Tecnolóxico do Textil ascende a 336.000 euros, dos que a Consellería de Innovación e Industria achega 72.000, o mesmo importe que as universidades galegas. A iniciativa privada sufraga 192.000 euros.