Xuventude Galiza Net pecha a X edición tras esgotar as prazas, recibir o embaixador de LEGO e competir en F1

Actualizado: domingo, 5 abril 2009 21:51

Segundo os seus organizadores o encontro cumpriu os obxectivos previstos de formación, socialización, emprego e entretemento

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 5 Abr. (EUROPA PRESS) -

A X edición de Xuventude Galiza Net, celebrada este ano por primeira vez no Multiusos Fontes do Sar en Santiago, pechou hoxe coas 1.800 prazas dispoñibles esgotadas e novidades como as conferencias, talleres e competicións de robótica, que incluíron unha loita de sumo, a fuga dun labirinto e un circuíto de velocidade.

Segundo afirmou en declaracións a Europa Press o coordinador técnico do evento, Marcos Ramos, este ano, a celebración do encontro "superou con creces" as expectativas e respondeu aos obxectivos fixados de socialización, formación, emprego e entretemento.

Así, precisou que a iniciativa conseguiu, ao longo destes tres días, "desmontar" en certo modo a idea preconcibida do informático que se illa na casa, e o "arrancou" do seu cuarto e obrigouno a socializarse.

Dentro do apartado formativo, os asistentes, entre os que había xente de Francia, Holanda, Inglaterra, Portugal e Italia, gozaron de conferencias, cursos e talleres, á fronte dos cales estiveron representantes de empresas como Microsoft --que deu unha charla sobre seguridade informática--, Blusens, compañías de videoxogos como Pyro Studios ou FX interactive.

COMPETICIÓNS DE ROBÓTICA

Vinculada ao apartado formativo estivo a posibilidade de ser escollido por algunha destas empresas para pasar a ocupar un posto no seu equipo. Neste sentido, Ramos aseguraron que corporacións como a compostelana Blusens --fabricante de materiais informáticos--, a española Pyro Studios ou mesmo Microsoft, adoitan fichar algúns participantes do encontro.

Por outra banda, en relación ao entretemento, Xuventude Galiza Net ofreceu a posibilidade de que os asistentes programen os seus propios robots para participar en loitas de sumo dentro dun ring de 1,5 metros de diámetro ou para que intenten escapar dun labirinto.

Dentro das competicións de robótica tamén se incluíu unha carreira. En coincidencia co Grande Premio de Malasia de Fórmula 1, deseñouse un circuíto cun trazado idéntico mediante unha liña negra sobre unha superficie branca.

Entre os gañadores repartíronse discos duros multimedia, reprodutores de DivX, dispositivos de MP3, MP4, ordenadores portátiles e de escritorio, achegados polas marcas auspiciantes.

MÁIS ESPAZO

Outra das novidades máis destacadas foi a visita do Embaixador de LEGO en España, que presentou os últimos artigos da marca, aínda non dispoñibles no mercado español. Ademais, a lingua, a cultura e o patrimonio galego tiveron un espazo relevante dentro dos contidos deste evento informático.

Un modo alternativo de participar constituíuno o espazo aberto, libre e gratuíto habilitado no vestíbulo do Multiusos. Neste extranet situáronse os stands da Dirección Xeral de Xuventude, organizadora do evento, e das distintas empresas patrocinadoras; espazos para xogar ás videoconsolas máis novidosas; zonas de talleres; e outras actividades lúdicas relacionadas coa actualidade informática.

Pola súa parte algúns dos asistentes, como foi o caso de Félix Queiruga, manifestaron a Europa Press a demanda dun espazo máis amplo e unha maior duración para a celebración do encontro en anos próximos. Nesta liña, afirmou que son "moitas" as persoas interesadas en participar que non teñen a oportunidade por escaseza de prazas.