Actualizado 06/11/2006 22:57

A Policía de Pontevedra desenvolve unha campaña para penalizar condutores que non empreguen o cinto e usen o móbil

Galicia Actual

PONTEVEDRA, 6 Nov. (EUROPA PRESS) -

A Policía Local de Pontevedra realizará ata o sábado controis diarios e aleatorios nas vías urbanas da cidade para velar polo uso do cinto de seguridade e penalizar os condutores que utilicen o teléfono móbil mentres conducen.

Nas primeiras horas de posta en marcha desta campaña impuxéronse doce denuncias, das cales dous se deberon ao uso do móbil e dez a condutores que non empregaban as medidas de seguridade obrigatorias.

Fontes da Policía Local de Pontevedra explicaron que esta iniciativa forma parte dunha campaña desenvolvida pola Dirección Xeral de Tráfico en toda España, co lema 'O cinto salva vidas: cinto todos, cinto sempre', e supón a continuación a unha anterior desenvolvida polos axentes locais entre o 15 e o 30 de outubro que, debido ás emerxencias que provocaron as inundacións, non se puido completar.

Ademais da sanción económica, que ascende a 100 euros, a denuncia leva consigo a perda de tres puntos. "É o que máis doe aos condutores, máis que a multa", segundo un voceiro da Policía Local de Pontevedra, que engadiu que "é máis doado que os condutores perdan puntos en tramos urbanos, porque se conduce con máis relaxación".

Na campaña do mes pasado impuxéronse, segundo a Policía Local de Pontevedra, 144 denuncias: 119 debéronse a condutores que non se abrocharon o cinto, 24 ao uso do teléfono móbil ao volante e unha impúxoselle a un piloto sen casco.