A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC celebra o seu I congreso en Santiago do 25 ao 27 de maio

Actualizado: miércoles, 24 mayo 2006 20:07

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 May. (EUROPA PRESS) -

A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago (USC) celebrará entre os días 25 e 27 de maio o seu I congreso, que coincide coa celebración do décimo aniversario da creación desta asociación. No evento, que leva por lema 'Qué podemos facer pola nosa Universidade?', celebrarase o X Encontro de Asociacións de Antigos Alumnos e Amigos de Universidades Españolas.

A inauguración oficial terá lugar mañá ás 20.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca coa presenza da vicerreitora de Estudantes, Elena Vázquez; do presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga Pereira; a delegada da Presidencia e Relacións Institucionais e 3ª Tenente de Alcalde do Concello de Santiago, Teresa García-Sabell; o director xeral de Ordenación de Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Ramón Leis Fidalgo, entre outros.

O programa previsto para o xoves comezará ás 18.00 horas no mesmo Salón Nobre do Colexio de Fonseca, con anterioridade ao acto de inauguración, cunha conferencia que pronunciará o catedrático da USC, Darío Villanueva, titulada 'Academia e Universidade'.

A xornada do venres principiará ás 10.00 horas coa celebración dunha mesa redonda sobre 'Experiencias actuais das Asociacións de Antigos Alumnos e Amigos das Universidades Españolas: ¿Qué poden facer pola Universidade?'. A partir das 12.00 horas a Federación de Asociacións celebrará a súa Asemblea Xeral e pola tarde o programa continuará a partir das 17.00 horas coa conferencia que impartirá José M. Romay Beccaría sobre 'Estado e Universidade'.

O congreso rematará o sábado 27 nunha sesión que se abrirá ás 10.00 horas coa intervención de Manuel Bao Iglesias titulada 'Ambiente 2006'. A continuación, ás 12.00 horas, terá lugar o acto de clausura do encontro.

O evento, que está aberto a todos os membros da comunidade universitaria, servirá para analizar a situación actual dos estudos universitarios, a relación da institución académica coa sociedade, a súa evolución ou a súa preocupación polos problemas da actualidade, entre outros temas.