A Asociación de Discapacitados Intelectuais Arcea Adames premiará a ruptura das barreiras á hora de viaxar

O concurso pon de manifesto as dificultade que unha persoa con discapacidade pode ter para subir a un avión ou preparar unha viaxe

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 20 julio 2006 19:32

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Jul. (EUROPA PRESS) -

A Asociación de Discapacitados Intelectuais Arcea Adames organiza, co patrocinio de Air Berlín e a colaboración da Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar Social e as Concellarías de Servizos Sociais e Educación de Ames, o concurso 'A Ceo Aberto' co obxectivo de promover a ruptura das barreiras á hora de viaxar.

No transcurso da presentación do concurso os asistentes destacaron hoxe os beneficios que pode aportar a implicación conxunta de organismos públicos, asociacións cidadáns e empresas privadas á hora de afrontar este tipo de iniciativas.

Na rolda de prensa na que se deu a coñecer publicamente o premio, o responsable de Arcea Adames, Iago Patiño, destacou o "paso adiante" que significaba o concurso no camiño de integración social deste colectivo.

"Sempre que se fala de barreiras pensamos nas arquitectónicas e non nos decatamos que existen outras moitas como a dificultade que unha persoa con discapacidade pode ter, por exemplo, para subir a un avión ou preparar unha viaxe, por iso, este premio supón un avance máis cara a igualdade de oportunidades", subliñou Patiño.

No mesmo sentido, a delegada de Prensa de Air Berlín, Ana Bachwitz, fixo referencia ás tres viaxes a Palma de Mallorca para tres persoas coas que a súa empresa patrocina o concurso e matizou que "como a sede de Air Berlín está en Mallorca aproveitaremos para ensinarlles como se realiza a distribución aérea". Tamén manifestou a satisfacción da súa empresa por poder participar neste tipo de proxectos solidarios.

VALOR EDUCATIVO

Pola súa banda, a concelleira de Educación de Ames, Pilar Candocia, lembrou que o seu departamento colabora habitualmente nas actividades educativas que organiza Arcea Adames e salientou o "interesante" de que unha iniciativa deste tipo se desenvolva a través da implicación conxunta dunha empresa privada, dúas administracións e a cidadanía.

Candocia fixo fincapé tamén "no valor educativo das viaxes que axudan a inculcar valores de solidariedade e independencia e a coñecer outras culturas e outras formas de vida".

A concelleira de Servizos Sociais, Isabel González, manifestou, pola súa banda, que o concurso "vai permitir que os discapacitados da comarca compostelana amosen a súa creatividade e os seus anhelos de superación persoal".

Neste senso, González reafirmou ademais o compromiso do Concello de Ames cos discapacitados intelectuais e matizou que "os municipios como administracións máis próximas á xente deben ter un claro compromiso social, canto máis se refire ao traballo que se desenvolve no eido da plena e efectiva integración social dos discapacitados".

ESTIMULACION

A secretaria Xeral de Benestar, María Xesús Lago, recoñeceu o labor de estimulación, promoción e motivación que cara á integración fan asociacións como Arcea Adames e salientou tamén a importancia de que unha empresa privada colabore en proxectos deste tipo.

"Desde a Vicepresidencia da Xunta comprometémonos a colaborar con calquera iniciativa que teña como obxectivo promover a igualdade e a integración en todos os ámbitos sociais", afirmou.

Ata o día 31 de xullo está aberto o prazo para presentarse ao concurso 'A Ceo Aberto'. Poderán facelo todos os discapacitados e as discapacitadas intelectuais da comarca de Santiago que o desexen. Os interesados deberán presentar un traballo que reflicta o que significan as viaxes para eles en calquera soporte artístico. O xurado avaliará a iniciativa, o desenvolvemento artístico e o esforzo que cada participante poña na obra.

Os traballos presentaranse no local de Arcea-Adames, na Rúa de Abaixo s/n do Milladoiro, en horario de 9.00 á 18.00 horas. Tamén se poderán presentar no Concello de Ames, en Bertamiráns, a través do Rexistro. Cada traballo debe levar o nome e os datos dos autores e das autoras.

Contenido patrocinado