Autorizado o pago da licencia municipal para a construción de 384 vivendas de promoción Pública en San Paio de Navia

Europa Press Galicia
Actualizado: lunes, 28 agosto 2006 14:57

SANTIAGO DE COMPOSTELA 28 Ago. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe Teresa Táboas, vén de autorizar o pago da licenza municipal de obras para a construción de 384 vivendas de promoción pública (VPP) na parroquia de San Paio de Navia, en Vigo, por importe de 248.791 euros.

Con esta decisión preténdese axilizar o comezo das obras de construción destas vivendas protexidas en San Paio de Navia, que está previsto para antes de que remate o ano e terán un prazo de execución de 30 meses. O investimento achegado pola Consellería de Vivenda para este fin ascende a 35,7 millóns de euros. Actualmente está en fase de redacción o proxecto de execución.

A parcela na que se van construír estas vivendas conta con 5.456 metros cadrados e está incluída na segunda fase do polígono de San Paio de Navia. As 384 vivendas que promove directamente a Consellería están divididas en dous bloques de 192 vivendas cada un.

Trátase de 80 vivendas de 2 dormitorios, 223 vivendas con 3 dormitorios e 81 vivendas de 4 dormitorios, cuxa superficie útil oscila entre os 63 e os 90 metros cadrados. Todas elas contan con rocho e garaxe. Doce destas vivendas, de 3 dormitorios e 88 metros cadrados útiles, estarán adaptadas para discapacitados.

Estas 384 vivendas van dirixidas a rendas que non superen en 2,5 veces o Indicador Público de Rendas de Efectos Múltiples (IPREM), 1.200 euros ao mes, e serán adxudicadas en réxime de aluguer, para as rendas de entre 0,7 e 1,5 veces o IPREM, e en réxime de compra-venda para o resto dos casos. Se o adxudicatario ten unha renda de entre 1,5 e 2 veces o IPREM, a vivenda será adxudicada en réxime de venta cunha minoración do 40% no prezo, e a redución no prezo para as rendas de entre 2 e 2,5 veces o IPREM será do 30%.

Contenido patrocinado