Bará destaca na Feira do Libro de Bolonia (Italia) o momento "gozoso e puxante" da edición infantil e xuvenil en galego

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 28 marzo 2006 20:33

BOLONIA (ITALIA), 28 (EUROPA PRESS)

O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, afirmou no marco da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Bolonia (Italia), onde vén facendo un seguemento da participación do sector editorial galego, que a edición de libros infantís e subvenís en na lingua galega atravesa un momento "gozoso e puxante" e atópase situado a "moi bo nivel".

A axenda de Luis Bará, segundo comentou a Europa Press, incluiu unha entrevista coa directiva do IBBY de cara á preparación do congreso que esta organización internacional celebrará en Santiago de Compostela en 2010, tralo seu paso por Pequín e Copenhague. O director xeral de Creación e Difusión Cultural comprometeu o apoio do Goberno galego a ese evento.

Bará tamén mantivo contactos con xestores culturais da cidade de Bolonia, con vistas a establecer posibles colaboracións na organización de exposicións; coa presidenta da Fundación Nacional do Libro Infantil e Xuvenil do Brasil -"equivalente á Oepli" en España, segundo precisou Bará- para acadar que Galicia sea país invitado en futuros salóns organizados por esta entidade; o mesmo que coa representante en Europa da Feira Internacional do Libro de Guadalajara (México), co obxectivo de "ter unha primeira presencia alí".

Pola súa parte, o responsable da Asociación Galega de Editores (AGE), Miguel Anxo Fernán Vello, calificou a Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Bolonia como "de máxima referencia e máximo interese tanto no plano da exhibición como no plano comercial", en alusión ao mercado da compra e venda de dereitos editoriais.

Fernán Vello eloxiou "o novo xeito de facer" por parte da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, "que intenta ter a literatura infantil e xuvenil como algo fundamental da industria editorial galega". O representante da AGE destacou que "neste segmento da edición Galicia amósase como unha pequena potencia".

Ademais da exposición de libros que a AGE acolle no seu stand, xunto coa presencia na feira de varias editoriais galegas con stand propio, outra das presencias galegas en Bolonia é a través da Asociación Galega de Ilustradores. O seu representante, Kiko Dasilva, participou nunca reunión da European Illustrators Forum xunto con outros doce representantes de asociacións europeas.

Contenido patrocinado