O BNG pide que se empregen as formas orixinais galegas na toponimia das provincias marítimas

Actualizado: viernes, 10 marzo 2006 14:36

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Mar. (EUROPA PRESS) -

O grupo parlamentar do BNG, a través do deputado Bieito Lobeira, reclamou hoxe ao Goberno galego a adopción de medidas para que se empregue oficialmente a forma orixinal galega na toponimia das provincias marítimas.

Nunha proposición non de lei para o seu debate en pleno, Lobeira criticou a normativa española en vigor pola que se divide o litoral en provincias e distritos marítimos e que "mantén de forma deturpada" a forma española e "ignora" a denominación galega.

"O caso máis escandaloso pola súa visibilidade é o corresponden á provincia de Vilagarcía de Arousa, no que ademáis de figurar distritos como os de Santa Eugenia de Ribeira, Villagarcía o El Grove, os buques pertencentes a estes portos teñen, a día de hoxe, que lucir obrigatoriamente nas súas proas a matriculación coas siglas VILL", indicou.

Asemade, tamén lembrou que todas as administracións públicas teñen o deber de utilizar a forma toponímica única e oficial galega. Por iso, instou á Xunta a que pida ao Goberno español a adopción das medidas legais para o emprego da forma orixinal galega na toponimia das provincias marítimas, distritos marítimos e capitanías marítimas existentes en Galicia.