O BNG de Sada (A Coruña) pide ao concello que se acolla ás axudas da Xunta para adquirir un vehículo contra incendios

Actualizado: lunes, 28 agosto 2006 19:12

A CORUÑA, 28 Ago. (EUROPA PRESS) -

O BNG de Sada presentou no pasado pleno municipal unha iniciativa para que o concello desta localidade coruñesa se acolla a unha orde da Consellería de Presidencia da Xunta para adquirir un novo vehículo contra incendios.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado venres 25 de agosto publicou a orde de 31 de xullo da Consellería da Presidencia pola que se regula o réxime de axudas ás corporacións locais para a adquisición de vehículos contra incendios.

O importe das axudas da Xunta chegan ao 75% do custo de adquisición do vehículo cun máximo de axuda por vehículo de 90.000 euros. A decisión municipal de acollerse a dita orde debe ser acordada polo pleno da corporación.

Os nacionalistas consideraron que os actuais medios dos que dispón o concello requiren "urxentemente" a adquisición dun novo vehículo contra incendios xa que, segundo aseguraron, "o vehículo actual está desfasado e con importantes limitacións de equipamento, autonomía e capacidade de extinción".

O BNG lembrou ao respecto que o Concello de Sada, ao ter unha poboación inferior a 20.000 habitantes, non é obrigatorio que dispoña dun servizo municipal de bombeiros pero sí ten atribuidas competencias en materia de extinción de incendios que traballan na intervención rápida ou primeira intervención en incendios urbanos e a colaboración na extinción de incendios forestais.

A dotación dun novo vehículo contra incendios suporía, sinalaron os nacionalistas, "incrementar significativamente" a capacidade de resposta do Servizo Municipal de Emerxencias diante dos incendios.