O catálogo da rede de estradas da Deputación de Pontevedra permitirá percorrer virtualmente máis de 1.000 quilómetros

Actualizado: jueves, 26 enero 2006 19:53

PONTEVEDRA 26, (EUROPA PRESS)

A Deputación de Pontevedra presentou hoxe un novo catálogo virtual da rede provincial de estradas que lle permitirá ao servizo técnico desta institución ter unha base de datos completa de tódalas vías provinciais. A suma dos quilómetros catalogados ascende a un total de 1.087, distribuidos en 566 estradas provinciais das bisbarras de Tabeirós, Pontevedra, Caldas, O Morrazo, O Salnés e Vigo.

Concretamente, na bisbarra de Vigo rexistráronse 238 quilómetros pertencentes a 56 vías; no caso de O Salnés analizáronse outras 56 estradas cunha lonxitude de 173 quilómetros; a extensión das vías pertencentes á bisbarra de O Morrazo é de 70 quilómetros repartidos en 29 vías. Os técnicos da Deputación catalogaron 123 quilómetros nas 31 estradas da zona de Caldas e 235 quilómetros na de Pontevedra. Finalmente, na bisbarra de Tabeirós contabilizáronse 38 vías e 248 quilómetros.

Segundo destacou o vicepresidente da Deputación, José Juan Durán, este novo catálogo virtual supón "un salto cualitativo no traballo do Servizo de Vías e Obras", xa que evitará un grande número de desprazamentos, unha xestión máis rápida das solicitudes de veciños afectados ou que queiran acometer variacións en terreos que limiten con estradas provinciais.

Este inventario das características físicas, xeométricas e de equipamento da rede provincial de estradas ofrecerá tres tipos de información: base de datos, imaxes dixitais e cartografía. Ademáis, o novo sistema informático recopilará -dun xeito moito máis accesible- os parámetros técnicos, xeométricos, físico e de equipamento dos 1.690,51 quilómetros de estradas provincias. Isto facilitará o recoñecemento do estado da rede viaria e a análise dos puntos conflitivos dela.

VISIÓN DENDE VEHÍCULO

Un dos aspectos destacables é que non só ofrece unha vista cartográfica da rede viaria, senón que tamén ofrece a posibilidade de percorrer as estradas da provincia coa visión dende o interior dun vehículo, incluida a visión do espello retrovisor. Esta posibilidade conséguese grazas á incorporación nos vehículos de cámaras de gravación coas que percorrer as estradas en condicións normais de circulación.

Esta ferramenta permitirá xestionar de xeito máis sinxelo as sancións e consultas, xa que permite o acceso inmediato a calquera punto da rede. Así, a obtención de datos poderá realizarse periodicamente, para que os datos sexan o máis actualizados e fiábles posibles.

Tódolos datos recadados polos servizo gardaranse de forma que o sistema terá un arquivo histórico que posibilitará analizar a evolución da rede de estradas da provincia.