O CCG reivindica habilitar o domingo '.gal' en Internet para que Galicia teña un lugar diferencidado na rede

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 24 mayo 2006 14:13

SANTIAGO DE COMPOSTELA 24 May. (EUROPA PRESS) -

O Consello da Cultura Galega (CCG) amosou hoxe o seu apoio oficial á iniciativa de reclamar un dominio galego propio (.gal) en Internet, xa que entende que subliñaría a especificidade dunha comunidade lingüística e daría a Galicia, á súa cultura e á súa lingua, un lugar diferenciado na rede.

"A existencia dun enderezo único e fixo na rede para a nosa cultura tería implicacións de orde económica, social e cultural ao permitirmos identificar todos os contidos creados en Galicia coa mesma terminación", subliñou hoxe o CCG. Engade que unha terminación común e única, neste caso a proposta de '.gal', daríalle "sentido e unidade" a todos os contidos galegos da rede.

A iniciativa dun dominio galego propio en Internet, da que xa se leva falando anos, vén de tomar un novo e decisivo pulo coa constitución da Asociación PuntoGal --na que participarían a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia e a Real Academia Galega, entre outros membros--.

O que se solicita é un sufixo de Internet específico para unha comunidade lingüística e cultural. A Internet Corporation for Assigned Numbers (ICANN) concede terminacións de dúas letras (.es, .fr) para Estados constituídos, e de tres ou máis letras (.org, .edu, .net) para organizacións e, por extensión, para comunidades lingüísticas e culturais. Deste xeito, cando a ICANN concedeu o '.cat' a Cataluña, en realidade estaba concedéndoo a un espazo lingüístico e social, e non territorial.

Neste contexto, segundo recolle o CCG, a asociación pretende sumar o maior número posible de apoios sociais á iniciativa e realizará accións de concienciación entre a cidadanía sobre a necesidade de que Galicia dispoña dun dominio propio. O colectivo convida a cidadáns, asociacións, institucións e grupos diversos a unírense á plataforma para avalar a petición diante da ICANN, organismo internacional que decide sobre a solicitude.

Por iso, o Consello da Cultura Galega, como institución cultural que conta entre os seus obxectivos a promoción e difusión da lingua e da cultura galega, indicou hoxe que "quere sumarse a esta petición dun dominio galego propio en Internet". "A presenza en Internet da cultura galega é actualmente imprescindible para situarnos na modernidade e lograr a difusión da nosa cultura tanto dentro coma fóra das nosas fronteiras, ademais de permitir o contacto de todos os galegos espallados polo mundo", declarou.

Contenido patrocinado