CIG-Ensino considera "inasumible" a nova oferta de Educación sobre as retribucións do profesorado

Actualizado: martes, 9 mayo 2006 20:51

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 9 May. (EUROPA PRESS) -

A CIG-Ensino rexeitou hoxe a nova oferta da Consellería de Educación na Mesa Sectorial en materia das retribucións do profesorado galego por mor dos prazos e das cantidades, xa que mantén a liña das anteriores, e a calificou de "inasumible".

A proposta de hoxe varía os prazos de execución, propoñendo como primeiro xaneiro de 2007 e rematando no mesmo mes de 2009, explicou a CIG-Ensino. A cantidade proposta por Educación fracciónase en sete pagos, sendo o primeiro deles, en xaneiro de 2007, de 15 euros. Sobre os prazos amosaron "receptividade", segundo as mesmas fontes, á posibilidade de reducilos a tres, entre xaneiro de 2007 e xaneiro de 2009.

Para a CIG-Ensino esta proposta segue a ser "inasumible", pois mantén ao profesorado "nos peores postos retributivos do Estado", en especial, segundo explicou a central sindical, tendo en conta que a suba que se propón, en concepto de desfase retributivo, é realmente de 95 euros en xaneiro de 2009, e os 45 euros restantes corresponden ao pago de titorías.

A CIG-Ensino trasladoulle á consellería a súa postura explicando que é "incuestionable" que o primeiro prazo, xa aceptado para que se efectivice en xaneiro de 2007 -a proposta de partida do sindicato nacionalista era outubro de 2006- debe aproximarse aos 100 euros, deixando a cantidade restante, outros 100 euros, para fraccionar o seu pago até decembro de 2008, é dicir un total de 200 euros, proposta que non está lonxe da que Educación establece para o corpo de inspectores -220 euros en xaneiro de 2009-.

A CIG-Ensino tamén reclamou a linealidade nas retribucións para todos os corpos, incluída a inspección educativa, e que recolla que antes de rematar este acordo deberá iniciarse a negociación dun novo "con efectividade" desde o día seguinte ao de remate deste. A CIG-Ensino sostén tamén que se trata da fase final da negociación, e así o corroborou o secretario xeral, Anxo Louzao.

A CIG emprazou aos representantes da consellería a realizar unha proposta que poida ser asumida pola maioría do profesorado que, coas súas sinaturas, máis de 12.000 xa neste momento, segue a avalar a proposta do sindicato nacionalista.