SANTIAGO DE COMPOSTELA 26 Abr. (EUROPA PRESS) -
A Sección de Literatura e Industrias da Edición do Consello da Cultura Galega (CCG) celebra mañá a súa tertulia mensual na que, baixo o título 'Tomándolle a medida ás letras miúdas', participarán o escritor Xavier P. Docampo e a crítica e tradutora Silvia Gaspar, que conversarán sobre as particularidades da literatura infantil e xuvenil.
O peso da literatura para a xente máis nova no sector literario galego, a súa importancia na creación de lectores, os fenómenos que acolle e as particularidades na súa creación e edición son algúns dos puntos sobre os que transcorrerá esta tertulia, conducida por Dolores Vilavedra a partir das 17.00 horas.
A conversa estará aberta ás achegas dos interesados en participar e será posteriormente posta a disposición dos usuarios en Lg3, o soportal de literatura de culturagalega.org. Deste xeito, o CCG continúa o ciclo iniciado de tertulias iniciado en 2004 polo CCG e no que ata o momento participaron escritores como Xesús Alonso Montero, Urbano Tavares e Anxos Sumai, e no que se abordaron temas de actualidade como as novas narradoras, o libro galego, a tradución, a creación na Rede e o significado do Día das Letras Galegas.
Docampo é mestre e escritor e ten publicadas máis de 30 obras coas que acadou distincións como o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, o Premio Rañolas e a selección de obra súa para o catálogo White Ravens. Pola súa banda, Silvia Gaspar é crítica e tradutora especializada en literatura infantil e xuvenil, profesora de ensino secundario e tamén ten publicada a obra narrativa 'As aventuras de Guauguau'.