O Consello de Goberno da Universidade de A Coruña aproba a proposta de posgraos adaptados ao Espazo Europeo

Actualizado: jueves, 26 enero 2006 21:01

A CORUÑA, 26 Ene. (EUROPA PRESS) -

O Consello de Goberno da Universidade de A Coruña apoiou hoxe a proposta de títulos de posgrao, así como dos posgraos interuniversitarios adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior, nunha xuntanza celebrada no reitorado coruñés.

Así, ofertaranse os másteres en Química Ambiental e Fundamental; Dereito; Estudos da Unión Europea; Banca e Finanzas; Enxeñaría da Auga; Enxeñaría Naval e Oceánica; Plans e Proxectos; e Informática.

Conxuntamente con outras univesidades desenvolveranse os másteres en Física Aplicada; Métodos matemáticos e Simulación numérica; Ciencia e Enxeñaría dos materiais con orientación aos sectores do automóbil; enerxía e transformación; Neurociencia; Turismo; Xestión e Investigación da Discapacidade; e Dependencia e Xerontoloxía.

Así mesmo, aprobouse a proposta de xubilación voluntaria para aqueles docentes que cumpran os requisitos legalmente establecidos. Os profesores que a soliciten poderán seguir vinculados á docencia e á investigación como profesores honorarios, nomeados polo reitor a proposta do Consello de Departamento ou Xunta de Centro.

O Consello de Goberno deu tamén o visto bó a un programa de promoción do persoal docente e investigador (PDI) habilitado. O plano de medidas aprobado ten como obxectivo establecer as bases e criterios da promoción do profesorado. Deste xeito, cada ano o Consello de Goberno aprobará a dotación dun certo número de prazas para promoción do PDI en función das posibilidades orzamentarias.

Outro dos puntos da orde do día aprobados na reunión foi a adhesión da Universidade de A Coruña á Declaración de Berlín sobre o acceso aberto ao coñecemento, sumándose a outras universidades, sociedades científicas e institucións gubernamentais. Esta iniciativa pretende promover Internet como un instrumento que sirva de base global do coñecemento científico.