O coruñés Francisco Castiñeira gaña o Premio Ourense de Contos 2006 co conto 'Inventario de nubes'

Actualizado: jueves, 18 mayo 2006 19:37

OURENSE, 18 May. (EUROPA PRESS) -

Francisco Castiñeira Romar, coruñés de 29 anos, acadou o Premio Ourense de Contos para a Mocidade que na súa 23ª edición, convocaron a Casa da Xuventude e a Agrupación de Libreiros de Ourense, co patrocinio da Concellería de Cultura, Festas e Festival de Cine do Concello de Ourense e a Delegación Provincial da Igualdade e do Benestar, como contribución á festa do Día das Letras Galegas.

O gañador, que recibirá 750 euros, verá tamén publicada a obra premiada e que leva por título 'Inventario de nubes'. O autor explicou que o seu texto está estructurado en dez partes, "cada unha delas cun tipo de nube como eixo, que lle valen ao atormentado protagonista-narrador como fío para tecer a súa historia en primeira persoa".

Segundo explicou Castiñeira, o seu traballo foi pensado "para intercalar cada unha destas dez partes (dez nubes) polo medio doutra escolma de relatos que xa teño redactado e da que ando na procura de editora".

Tamén se publicarán os catro accésit, que recaeron en Beatriz Lorenzo, de Ourense, polo conto 'Laranxas amargas'; Mario Otero Iglesias, do Corgo (Lugo), polo conto 'Mathematica'; Miguel Segador López, de Ourense, pola obra 'Orfeo Alleado'; e Alba Cid, tamén de Ourense, polo conto 'Un acordeón para a nostalxia' --este último, dentro do apartado de menores de 18 anos--. Cada un dos catro recibirá 200 euros de premio.

Ao concurso presentáronse 39 contos de 35 autores procedentes de toda Galicia. O Xurado estivo composto por Serafín Alonso, Raquel Feijoo, Marco Valerio Lama, Nieves Pérez, Mª Xesús Sarmiento e Benito Losada, como secretario sen voto. A entrega do premio farase o 3 de xuño, na próxima Feira do Libro, que terá lugar en Ourense.