SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Mar. (EUROPA PRESS) -
O Defensor do Paciente solicitou ante o Xulgado de Instrución Número 5 de Vigo penas de cárcere e inhabilitación laboral para dous pediatras da cidade olívica, así como máis de 130.000 euros de multa por un delito de lesións graves por imprudencia grave profesional causadas a unha nena de dous anos.
A menor foi levada no ano 2000 ao pediatra polos seus pais a causa dunha inflamación na cara e foille diagnosticada unha tuberculose ganglionar, segundo recolle o escrito do fiscal, "por presunción, que non por certeza". Así, foi remitida a un cirurxián que, "sen realizar novas probas", deu o visto bo.
Non obstante, seis meses despois, a inflamación supuraba, polo que o cirurxián realizou unha punción no ganglio, a análise do cal detectou unha bacteria. Un ano despois, como a infección non remitía, a nena foi intervida e, tras ser dada de alta, empeorou e foi levada ao Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP), onde chegou en estado de shock séptico.
Dende ese complexo foi trasladada á UCI pediátrica do Hospital Xeral de Vigo en estado "moi grave" e, posto que este centro non contaba cun respirador de alta frecuencia para a atención que necesitaba a menor, foi levada ao Hospital Clínico de Santiago, onde recibiu un tratamento intensivo durante máis de dous meses.
Así, a menor foi operada dun ganglio con 240 días de demora a causa dun diagnóstico e tratamento "equivocados", segundo recalcou a asociación, que apuntou tamén que a nena "estivo ao bordo da morte" pola "neglixente" actuación do cirurxián, que a conduciu a permanecer 74 días hospitalizada e a dedicar 800 días a curarse definitivamente.
DENUNCIA.
O Defensor do Paciente considera que "xa é hora" de que, tanto os xuíces como os fiscais, estimen a sanción penal por imprudencias graves "tal e como se está a facer en tráfico, que aínda sen haber accidente, establece condenas por imprudencia e por poñer en risco a vida doutras persoas".
Por todo, o fiscal solicita para o médico que operou á nena un ano e tres meses de prisión e inhabilitación profesional durante dous anos e medio, mentres que para o outro pediatra pide catro meses de cárcere e ano e medio sen exercer.
Ademais, reclama unha indemnización conxunta de 7.200 euros máis 125.000 que debería achegar o cirurxián. Non obstante, a representación legal da menor, a cargo do avogado da Asociación do Defensor do Paciente en Galicia, solicita maiores penas e indemnizacións.