Dimite a directora do Centro Dramático Galego porque o seu contrato non lle asegura o regreso a súa praza de funcionaria

Actualizado: jueves, 9 marzo 2006 21:32

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 9 Mar. (EUROPA PRESS) -

A directora do Centro Dramático Galego (CDG), Ánxeles Cuña, dimitiou hoxe do seu cargo por "problemas administrativos" porque o contrato co Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (Igaem) non lle aseguraba o regreso a súa praza como funcionaria da Universidade Laboral de Ourense.

Así o anunciou hoxe Cuña, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, quen amosou o seu "máximo respeto e admiración polo seu traballo".

Cuña amosouse "triste" por ter que tomar esta decisión, tras levar uns catro meses no cargo, pero afirmou que non tiña "máis remedio" por non querer perder a súa praza na Universidade Laboral de Ourense. Neste senso, destacou que o papel que garante o retorno ao posto de traballo "é o que se chama Comisión de Servizos Especiais, que teñen os altos cargos pero, polo visto, non o teñen os postos de alta dirección".

Ánxeles Cuña sinalou que coñece a situación dende o 15 febreiro pero comentou que non o comunicou ata hoxe á Consellería de Cultura por respeto a dúas montaxes teatrais do CDG a piques de estrearse. O nome da persoa que sustituirá a Cuña no seu cargo abordarse no próximo Consello Reitor do Igaem o 17 de marzo.

Pola súa banda, Luis Bará manifestou que a marcha de Cuña supón "unha moi mala noticia" para Cultura e para o teatro galego e convidouna a participar en calqueira proxecto "que ela desexe".

Asemade, Bará explicou que "lamentablemente" o contrato de alta dirección do Igaem "non permite conservar o destino dun funcionario", aínda que, lembrou, "de ningún xeito pedería o seu traballo". Sobre a posibilidade de realizarlle outro contrato, subliñou que "tería sido algo ilegal".