O director do Instituto Nacional de Administración Pública intervén hoxe nun máster sobre xestión Local

Actualizado: miércoles, 22 febrero 2006 10:35

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Feb. (EUROPA PRESS) -

O director do Instituto Nacional de Administración Pública (INAP), Francisco Ramos Fernández-Torrecilla ofrecerá hoxe unha conferencia no marco do Máster en Administración Local da Universidade de Santiago (USC).

A intervención do director do INAP, que terá lugar ás 17.00 horas na Sala de Xuntas da Facultade de Dereito, leva por título 'A selección e a formación como elementos de transformación da Administración Pública'.

O Máster en Administración Local que codirixen os profesores José Luis Carro e Teresa Carballeira é dos poucos que existen en España sobre esta temática. No posgrao ofrécese formación de calidade sobre a Administración local a todos aqueles que manteñan algún vínculo con ela destacando, singularmente, os cargos e dirixentes políticos, funcionarios e persoal laboral, profesionais liberais que se relacionen coa ente local e aspirantes e opositores aos corpos superiores desta.

Os procesos de descentralización política e administrativa e as novas demandas prestacionais que lle esixe a cidadanía á Administración pública contemporánea fan que cada día cobre máis protagonismo a Administración local no ámbito sociopolítico e xurídico, segundo recollerá o relatorio.

Neste senso, ademais do ingreso nos corpos funcionariais ou a contratación de persoal por parte das entidades locais, o espazo laboral do máster da USC, segundo a institución académica, estase vendo ampliado notablemente coa posibilidade aberta pola vixente lexislación de integrar a expertos nos órganos de goberno local e a de obter asesoramento externo para alcaldes e demais membros da corporación local.