A directora do CDG suliña "a excelente acollida" entre os rapaces galegos da obra 'A Cabana de Babaiagá'

Actualizado: jueves, 6 abril 2006 16:15

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Abr. (EUROPA PRESS) -

A directora do Centro Dramático Galego (CDG), Cristina Domínguez, suliñou hoxe "a excelente acollida" que está a ter entre os rapaces galegos o espectáculo 'A Cabana de Babaiagá', que dende esta semana se celebra no Salón Teatro de Santiago para escolares e que dende a vindeira fin de semana ofrecerá representacións ao público en xeral.

Alumnos de 32 colexios de Santiago e das comarcas limítrofes asistirán durante este mes as funcións do espectáculo do CDG, que mistura música e narración oral. Paula Carballeira dirixe esta montaxe inspirada nun conto popular ruso, especialmente pensada para nenos de entre seis e once anos.

O espectáculo permanecerá en Santiago ata o 30 de abril, ofrecendo tres funcións semanais reservadas para escolares, ás 11.00 horas, e dúas na fin de semana para o público familiar, ás 18.00 horas. Ademáis, durante as vacacións de Semana Santa, de mércores a domingo, haberá tamén representacións ás 18.00 horas, segundo informou hoxe Cristina Domínguez.

A directora do CDG explicou que a obra ten "una magnífica acollida" e que o Salón Teatro "estase enchendo en cada función", como puido comprobar 'in situ' hoxe mesmo antes de participar nunha rolda de prensa na que presentou a producción xunto aos seus principais responsables.

Arredor de 200 rapaces acuden a cada representación, que na primeira semana de maio proseguirá a súa xira na localidade coruñesa de Oleiros e dende o día 8 ao 12 estará na lucense de Viveiro. Antes pasou por lugares coma Muros e Ferrol (A Coruña) e Ribadeo (Lugo), onde "foi espectacular", segundo aseverou Paula Carballeira, que indicou que os nenos "ata pedían bises".

INTEGRACIÓN CULTURAL

A directora da obra explicou que o primeiro obxectivo é precisamente "que lles guste aos nenos e queiran voltar", aínda que tamén incidiu na mestura de culturas que supón, xa que na montaxe participan galegos, ucranianos e bielorrusos. Ademais, a historia está baseada nun conto popular ruso.

O espectáculo mistura a narración coa música para contar a historia da rapaza Natasha e a bruxa Babaiagá, que discorre en paralelo á interpretación en directo dunha selección de pezas musicais de compositores do leste europeo, entre os que están Mugorsky ou Rachmaninov, segundo apuntou o director do apartado musical, Manolo Vázquez.

Un dos intérpretes, Vadzim Yujnevich, recoñeceu que non esperaba "que saira tan ben" a adaptación dun conto ruso "de toda a vida, popular e tradicional". Así, explicou que se respeta o conto "cun novo aire" e sentenciou destacando o carácter universal da obra. "Se fosemos ao noso país con este espectáculo non faría falla nin traducilo", remachou.