SANTIAGO DE COMPOSTELA 4 Ene. (EUROPA PRESS) -
Un dos Reis Magos de Oriente, acompañado dun Paxe Real, estará hoxe na carpa infantil de Santiago Centro instalada na Praza Roxa, na capital galega. Este espazo funciona desde o pasado 23 de decembro para os nenos de Compostela por iniciativa da fundación que agrupa aos comerciantes do Ensanche e co patrocinio de La Caixa.
Os ilustres visitantes permanecerán na carpa ao longo do día de hoxe e mañá pola mañá, para recoller e escoitar directamente as cartas e peticións de todos os nenos composteláns. A carpa está aberta mañá en horario de 11.30 a 13.30 horas e de 17.00 a 20.00 horas, mentras que o xoves só o fará pola mañá.
Asemade, na tarde-noite de hoxe, fallaranse os premios do Concurso de debuxo convocado por Santiago Centro, e no que ata o momento participan máis dun cento de rapaces e rapazas, con obras realizadas na carpa.
O xurado está composto polo concelleiro de Promoción Económica de Santiago, Xosé Manuel Iglesias; Pilar Fernández, en representación de La Caixa; a directora da galería de arte SCQ, Mónica Iglesias; o director da galería de arte Mundo Creativo, Javier Blanco Seoane; o secretario do Padroado de Santiago Centro, Delmiro Prieto, e a xerente de Santiago Centro, Pura Cendón, que actúa como secretaria.
Fallaranse en total catro premios, un para cada unha das categorías por idades, 3-4 anos; 5-6 anos; e 7-12 anos; e un absoluto para todas as categorías. A entrega de premios terá lugar o xoves, día 5, ás 11.30 horas na propia carpa da Praza Roxa. O xoves, despois do fallo do premio e da visita real, Santiago Centro dará por rematada a súa campaña de Nadal dirixida aos nenos.