Editan un disco recopilatorio do violinista galego Manuel Quiroga con pezas grabadas en París entre 1928 e 1929

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 15 marzo 2006 21:38

PONTEVEDRA 15 Mar. (EUROPA PRESS) -

A firma lucense 'Ouvirmos' porá á venda un disco do violinista pontevedrés Manuel Quiroga titulado 'De violín e piano'. A concelleira de cultura de Pontevedra, María Xosé López Escudeiro, e o director artístico da discográfica, Ramom Pinheiro, participarán na presentación deste legado sonoro o vindeiro venres no concello.

O disco contén unha compilación de grabacións restauradas, realizadas en París entre 1928 e 1929 polo propio Quiroga e a súa muller, a pianista parisiense Marta Leman. Ramom Pinheiro considera que "xa era hora de rescatar unha figura de alcance mundial como a de Manuel Quiroga", que realizou xiras musicais de "gran éxito" por América e Europa

'De violín e piano' contén composicións interpretadas na época de maior plenitude do músico galego, que naceu en Pontevedra en 1892 e morreu en 1961. O director artístico de Ouvirmos califícao como "o principal compositor e concertista galego no mundo no século XX".

O disco, cunha duración de 35 minutos, acompáñase cun libro de pequeño formato, asinado polo investigador musical Martín Gonzalo Martínez Blanes. Trátase da segunda e última compilación da obra musical de Quiroga, editada na coleción 'A Tiracolo', que conta con outros oito discos.

Para reunir este material, Ouvirmos recorreu á colaboración do Museo de Pontevedra, da familia do propio Quiroga e de editoriais de Londres que posuían grabacións do intérprete galego.

Ramom Pinheiro lamentou que a figura de Manuel Quiroga permanecera "moi maltratada e descoñecida", o que atribuiu á escasa demanda do público galego. Segundo Pinheiro, 'Ouvirmos' vén dedicándose nos últimos anos a recuperar o patrimonio histórico musical galego, con traballos sobre Avelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo, ou Alexandre Bóveda. O próximo traballo terá como protagonista a Andrés Gaos.

Contenido patrocinado