A EGAP convoca 115 cursos de formación continua para o persoal da Xunta de Galicia, con máis de 4.200 prazas dispoñibles

Actualizado: martes, 4 abril 2006 19:13

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP), organismo autónomo dependente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, convocou 115 cursos de formación continua, dirixidos principalmente ao persoal das distintas consellerías, agás o docente e sanitario.

Nestes cursos, que supoñen un total de 190 edicións, impartiranse 3.587 horas lectivas, e neles ofértanse 4.221 prazas. O prazo de presentación de instancias remata o día 15 de abril para as accións formativas que comezan no mes de maio, e o 24 de abril para o resto das accións.

Estes cursos, que están abertos ao persoal funcionario e laboral, organízanse en colaboración coas consellerías para atender de maneira máis precisa as súas necesidades específicas.

INTERNET

Doutra banda, a sede da EGAP e o Edificio Administrativo da Xunta en Lugo acollen esta semana un curso sobre o portal dos concellos de Galicia, que baixo o título 'Eido local: Os servizos telemáticos entre a Administración Local e a Xunta de Galicia', pretende formar aos seus participantes sobre a utilización e os contidos das zonas públicas e privadas do portal web do eido local (http://www.eidolocal.com/) e sobre o mantemento da parte privada do mesmo.

O seu obxectivo é fomentar o uso de internet como vía de comunicación entre as administracións e os cidadáns para que todas as tramitacións e comunicacións poidan realizarse telematicamente. O programa, que rematará o día 6, está dirixido ao persoal ao servizo das corporacións locais galegas, e ten unha extensión de dez horas, das que dúas serán teóricas e oito, prácticas.

Ademais, continúan os cursos de Linguaxe administrativa galega en Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense, Ferrol e Carballo; e nas delegacións provinciais de Lugo e Ourense realízanse estes días cadansúas edicións do Curso sobre o novo regulamento de recadación, no que se analizan os procedementos de xestión da tesourería e da recadación local.