O grupo Arqueopat da USC segue os traballos arqueolóxicos no Castelo da Rocha Forte en Santiago, que rematarán en agosto

Actualizado: martes, 25 julio 2006 12:53

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Jul. (EUROPA PRESS) -

O grupo de investigación da USC Arqueopat, que dirixen os profesores Raquel Casal e Fernando Acuña, continúa no presente mes as excavacións que todos os anos vén realizando no castelo baixomedieval da Rocha Forte, na zona de Conxo, en Santiago, e que prevé rematar en agosto.

Na actual campaña xa se puso ao descoberto todo o lenzo Este da barbacana que presenta un aspecto "monumental", con mais de tres metros de altura e unha lonxitude duns 20 metros, informou a USC.

Os traballos arqueolóxicos que se están a acometer na Rocha Forte afectan tamén á muralla Oeste, entre a porta principal e o torreón circular SO, o que permite observar moi ben o sistema de cimentación e as técnicas constructivas da fortaleza. De xeito paralelo, un equipo de restauradores desenvolve diversas labores para consolidar as estruturas para deixalas nas mellores condicións de conservación.

Ao remate dos traballos, que aínda durarán ata o mes de agosto, poderáse apreciar gran parte desta Fortaleza pertencente á Mitra compostelana, construida a mediados do século XIII en tempos do Arcebispo Juan Arias e destruida finalmente polos irmandiños no ano 1466 e da que existen referencias documentais no Pleito Tabera-Fonseca de 1527.

Estes traballos arqueolóxicos están financiados polo Consorcio de Santiago e contan coa participación de arqueólogos licenciados e alumnos en prácticas.