A CORUÑA 19 Ago. (EUROPA PRESS) -
A Praza do Concello da localidadade coruñesa de Laracha acollerá hoxe, ás 22.30 horas, un concerto da cantante María do Ceo, unha actividade enmarcada no ciclo 'As Nosas Músicas' da Fundación Caixa Galicia, que ten por obxectivo levar o mellor da música a máis de trinta concellos de toda Galicia no verán.
María do Ceo naceu en Oporto e desde moi temprana idade reside en Galicia. A súa paixón pola música foi alimentada desde o berce na tradición do Fado, transmitida polo seu pai, fadista amateur. Unindo as súas múltiples influencias ao sentir portugués e á dozura natural do idioma galego, dotada de calidades vocais excepcionais, envolve de inmediato o público nun ambiente máxico coa musicalidade arrepiante que lle brota do alma.
Con unha sólida carreira internacional foi recoñecida e condecorada como embaixadora da cultura galega no mundo tendo sempre o Fado como inspiración primordial. No 2001 foi convidada para participar no primeiro e gran homenaxe, póstumo, á persoa que máis influiu na súa forma de cantar, Amalia Rodrigues deixando extasiado ó numeroso público presente no Coliseo de Lisboa.
Ten no mercado seis CDs: "Cartas de amor", "Vellas Lembranzas", " Al rescate del alma", "Fado e outras músicas", "Panxoliñas - Villancicos" e "Dúas almas do miño".
Según a Fundación asistir aos concertos de María do Ceo, significa sumerxirse emocionalmente nun ambiente musical ecléptico pero familiar, de enorme beleza, onde entendemos de inmediato a identidade cultural luso-galaica.
Nesta sexta edición do ciclo, As Nosas Músicas conta con bandas xa históricas no panorama musical galego, como Milladoiro ou Luar na Lubre, e xunto a eles, proxectos novedosos como Bumba ou Brasilian Night, a banda de Gustavo Almeida. Tamén están antigos coñecidos deste ciclo, como María do Ceo ou Ialma e, desde Portugal, chegará a Galicia Joao Afonso, unha das voces máis cálidas deste país.
Se no ano anterior o guión da programación estivo marcada polas novas voces femininas da canción tradicional galega e portuguesa, a Fundación Caixa Galicia quixo neste verán achegar a todolos galegos a riqueza da mestura, da fusión e do contraste dos diferentes ritmos.