A matrícula do curso de formación en Integración e Desenvolvemento Sostible da Fundación CEER será de balde

Actualizado: jueves, 22 junio 2006 19:24

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) impartirá o vindeiro curso académico un curso de formación en Integración e Desenvolvemento Sostible cuxa matrícula será de balde ao estar financiado por fondos europeos no marco do programa Interreg IIIA. O prazo de presentación de solicitudes de preinscrición permanecerá aberto do día 1 ao 20 de setembro.

A dirección do CEER reuniu en días pasados no Colexio San Xerome, en Santiago, ao seu consello de coordinación, formado polos directores de cada un dos módulos que se impartirán na seis universidades que forman parte deste proxecto, e que son a USC e as de A Coruña, Vigo, Porto, Minho e Tras-os-Montes e Alto Douro. Na xuntanza quedaron fixados os calendarios para cada módulo e os prazos de preinscrición e matrícula.

Este curso de formación caracterízase polo seu "perfil transfronteirizo" e unha "alta compoñente práctica", informou hoxe a Universidade de Santiago. Para obter o diploma de recoñecemento de ter superado o curso é necesario cursar, polo menos, tres dos seis módulos ofertados e, obrigatoriamente, dous deles a ambos lados da fronteira na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Esta modalidade esixe unha visión de conxunto que permite a complementariedade entre os módulos.

Destinado a persoas graduadas nas distintas áreas de estudos universitarios, especialmente de Ciencias Sociais e Humanidades, o curso oriéntase cara a acadar a especialización ao máis alto nivel nos aspectos xurídicos sociais e económicos da integración europea dende unha perspectiva rexional.

Os estudos están concibidos para responder ás necesidades de estudantes e profesionais que desexen especializarse en relación coa eurorrexión nun contexto internacional, xa sexa no seo de empresas e asesorías privadas, administracións públicas (especialmente para funcionarios das administracións autonómicas e municipais), representacións diplomáticas, organizacións internacionais gobernamentais ou non-gobernamentais, e outros.