SANTIAGO DE COMPOSTELA 20 Jul. (EUROPA PRESS) -
A matrícula nos cursos de verán da Universidade de Santiago (USC) experimentou un "importante" incremento con respecto a anos anteriores, pasando dos 1.253 inscritos en 2005 aos máis de 1.600 deste ano, o que representa unha suba dun 35 por cento.
En opinión dos responsables desta programación, os índices de matrícula rexistrados poñen de manifesto o cada vez maior interese suscitado pola comunidade académica e profesional cara ás variadas temáticas propostas nos seminarios.
Un total de seis cursos de verán da USC, dous en Compostela, outros tantos en Lugo, un en Foz e un ultimo en Muros, pechan este venres, día 21, o seu programa académico. Con estas clausuras practicamente remata o calendario de cursos da programación de cursos estivais da institución académica.
A este maior alcance da USC na súa oferta estival súmase o feito de que máis da metade das matrículas se realizara a través de Internet, o que para os responsables podería tamén explicar este notable incremento no número de inscritos.
Os cursos de verán que rematan este venres 21 son os de 'Historia da medicina galega' e 'A formación musical do musicoterapeuta' en Santiago; 'Novas tendencias e tecnoloxías para un desenvolvemento sostible' e 'O desenvolvemento rural de Galicia' en Lugo; e 'Xestión integrada de zonas costeiras' en Muros.
Por último, en Foz clausúrase o venres ás 12.30 horas o curso de verán 'As reformas educativas nunha perspectiva histórica. Innovación e resistencia aos cambios'. Ao acto está prevista a asistenci do reitor da USC, Senén Barro; da conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón; o secretario xeral de Educación, Alejandro Tiana; e o alcalde de Foz, José M. García Rivera.