SANTIAGO DE COMPOSTELA 18 May. (EUROPA PRESS) -
A Mesa pola Normalización Lingüística reclamou hoxe a os partidos políticos con representación en Galicia --PSdeG, BNG e PPdeG-- e á Xunta que atendan a demanda expresada pola sociedade galega e outorguen ao galego un novo estatutus xurídico, aproveitando a reforma do Estatuto de Autonomía.
A organización de defensa da lingua galega avaliou hoxe a manifestación celebrada onte en Santiago de Compostela, coincidindo co Día das Letras Galegas, e presentou a nova fase da campaña polo galego no novo Estatuto, que ten por lema 'Sen deber, o dereito é só unha pantomima'.
A Mesa amosou o seu agradecemento aos 20.000 cidadáns e cidadás que secundaron a mobilización celebrada onte --máis de 5.000, segundo a Policía Local de Santiago--, así como ás entidades de diverso tipo que apoiaron o manifesto que se leu na Praza da Quintana.
Neste contexto, a plataforma en defensa da lingua galega pídelle a todos os deputados e deputadas do Parlamento galego que "escoiten o clamor da cidadanía" e que elaboren un novo Estatuto que "recoñeza ao galego todas as garantías dunha lingua oficial".
Como unha nova fase da campaña en demanda de que para o galego apareza recoñecido o "dereito" a usalo e o "deber" a coñecelo, a devandita organización editou 30.000 tiras de tres cartóns postais, para enviar aos portavoces de PP, PSOE e BNG.
Asemade, pídelle tamén á Xunta de Galicia, de xeito específico á Consellaría de Educación e á Secretaría Xeral de Política Lingüística, que escoite a reivindicación cidadá e que comece a aplicar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) xa que, do contrario, ameaza con novas mobilizacións cidadáns.