A Mesa pídelle a Touriño que garanta que os partidos da Liga de Fútbol poidan verse pola televisión en galego

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 25 agosto 2006 18:59

SANTIAGO DE COMPOSTELA 25 Ago. (EUROPA PRESS) -

A Mesa pola Normalización Lingüistica dirixiuse ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, para que, dentro das responsabilidades en materia de audiovisual e lingüística da Administración autonómica, tome medidas que garantan que os partidos da Liga de Fútbol poidan verse pola televisión en galego.

Segundo indicou hoxe a devandita asociación, a forma en que La Sexta vai emitir os partidos da liga, ademais de en castelán, tamén en galego, catalán e basco resulta "insatisfactoria" posto que as emisións nas diferentes linguas non van estar en igualdade de condicións.

Explicou que os partidos emitiranse en catalán a través de TV3, mais para o resto dos territorios con idioma propio, incluída Galicia, será unha escolla secundarizada dentro das opcións da TDT. A emisión analóxica será exclusivamente en castelán para Galica, detallou.

A Mesa considera "un paso atrás histórico" que os partidos só se poidan ver en galego como opción secundaria a través da TDT e, por iso, dirixiuse ao presidente da Xunta, pero tamén á TVG e á Sexta para que non se produza este retroceso.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, dirixiuse por carta ao presidente do Gobierno galego, de quen dependen a Secretaría Xeral de Comunicación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, para que "tome as medidas oportunas para garantir que os galegos teñan os mesmos dereitos de opción lingüística nos partidos da liga que os cataláns, sexa garantindo a emisión en galego a través da Sexta ou negociando con forza para que se emita a través da TVG".

Callón enderezou outra misiva á TVG e á Sexta. Ao novo canal privado lémbralle "a dimensión cultural suplementaria que ten a emisión en galego dun partido de futbol, posto que esta lingua pasa por unha situación delicada e está en proceso de recuperación". Ademais, indícalle que "si sería moi proveitoso que ensaiase estas emisións en multilingüe noutros espazos da cadea, como series e filmes, que a TDT permite emitir sen maiores problemas técnicos en diferentes idiomas".

Contenido patrocinado