A Mesa promove unha Iniciativa Lexislativa Popular pola Galeguización do Ensino para que se cumpra o previsto no PXNLG

Actualizado: jueves, 29 junio 2006 16:02

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Jun. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, e o vicepresidente desta asociación, Adolfo Muíños, explicaron que o principal eixo de traballo nos vindeiros meses será o presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular pola Galeguización do Ensino.

Esta iniciativa foi en marcada polos dirixentes da Mesa no feito de que desenvolvemento da lexislación lingüística en Galiza foi "excesivamente ralentizado para as necesidades socioculturais de Galicia". Afirmaron que é "unha lentidade máis notoria" en comparación con outros territorios do Estado como Cataluña, Euskadi ou mesmo Valencia. Segundo indicou hoxe a Mesa, esta parálise foi moi importante durante os 16 anos de gobernos do PP, onde "froito dunha forte presión social previa" o único adianto legal de relevo foi o decreto 247/95, que regula as materias mínimas a impartir en galego no ensino non universitario.

Esta organización entende que neste momento "é necesario que a lingua galega recupere o tempo perdido, especialmente no referido ao ensino". Denuncia a "falta de vontade" e a "falta de palabra" da conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, porque en outubro de 2005 se comprometeu publicamente e perante os medios de comunicación que para o curso 2006-07 se ía aplicar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) no ensino.

Para aplicar o PXNGLG no ensino, A Mesa explica que "sería necesaria" a promulgación dun novo decreto que superase o "raquítico e desfasado" de 1995. Nembargantes, critica que ao final do curso 2005-06, a conselleira se desdíxera e manifestase que o plan non se vai aplicar no vindeiro curso.

Ante esta situación, o colectivo en defensa do idioma galego quere "que a cidadanía tome a iniciativa, que a cidadanía tome a palabra, e que haxa unha nova norma legal que sexa conforme ás necesidades da Galicia".

Por iso, propón unha Iniciativa Lexislativa Popular pola Galeguización do Ensino na que se plasme e se desenvolva legalmente os consensos xa existentes, como son a aprobación unánime no Congreso dos Deputados en 2001 da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

A Mesa quere implicar neste proceso a diferentes entidades, que poidan participar no proceso de deseño desta Iniciativa Lexislativa Popular a través dun frutífero diálogo. Por iso, os seus responsalbes adiantaron hoxe que solicitarán a colaboración do Observatorio de Dereitos Lingüísticos e que procurarán a participación máis activa de entidades representantivas de toda a comunidade educativa, como os sindicatos de profesorado, as asociacións de nais e pais, organizacións estudantís, movementos de renovación pedagóxica e outros.