Mozos desfavorecidos de Galicia e Portugal se benefician dun programa de investigadores da USC de inserción sociolaboral

Actualizado: lunes, 9 enero 2006 17:38

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 9 Ene. (EUROPA PRESS) -

Mozos desfavorecidos de distintos puntos de Galicia e do norte de Portugal beneficiaranse do Programa de Inserción Social para Menores cara a Autoxestión (Prisma) no que traballa un equipo de investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Trátase dunha iniciativa complementaria ao Programa de Restauración de Aldeas para a Inserción Social de Menores (Miliaria) para favorecer a inserción sociolaboral de menores. Ambos os dous se inclúen na iniciativa comunitaria Interreg III, e están financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

O obxecto do Programa Prisma consiste no establecemento dun modelo conxunto de integración sociolaboral de mozos de Galicia e do norte de Portugal e que presentan déficits de formación e dificultades de inserción. Esta integración farase a través do aproveitamento do potencial e dos recursos das aldeas abandonadas de distintos puntos de Galicia e do territorio portugués.

Ademais, o Programa Militaria céntrase na reconstrución das aldeas por parte de menores desfavorecidos, de maneira que estos lugares se convertirán en centros de inserción sociolaboral.

A coordinación destes proxectos depende da Dirección Xeral de Acción Social da Xunta de Galicia. Entre os socios, dun total de once, atópase a Universidade de Santiago, que aporta un grupo de investigación do Laboratorio do Territorio, pertencente ao Departamento de Enxeñería Agroforestal e ao Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) da USC.

O Laboratorio do Territorio é un grupo formado por profesores e investigadores de diferentes áreas de coñecemento. O territorio en sentido amplo, en particular o rural, constitúe o seu principal ámbito de traballo. As súas actividades oriéntanse cara a un desenvolvemento integral do medio rural, co fin de orixinar a mellora da calidade de vida dos seus habitantes.

En concreto están a traballar nos concellos ourensáns de Lobios -xa rematado- e Allariz, nos que a posta en valor faise operativa a través da elaboración dunha proposta técnica de Axenda 21 Local.

O equipo da Universidade de Santiago está a crear un Sistema de Información Territorial dos concellos de Lobios e Allariz. Este sistema, implantado nun Sistema de Información Xeográfica -SIX-, recollerá o estado actual e a localización das infraestruturas, equipamentos e servizos de tódalas entidades de poboación destes municipios, así como das súas vivendas e edificacións.

DIAGNÓSTICO TERRITORIAL

Por outro lado, os investigadores farán un diagnóstico territorial en canto a niveis de sostibilidade no concello de Allariz, tanto dende un punto de vista social como económico e, sobre todo, ambiental.

A diagnose é cuantitativa e tamén cualitativa, a partir da opinión da poboación e dos axentes locais. Por último, farán unha proposta para o Concello de Allariz dun Plan de Acción Ambiental. O proxecto, que se iniciou a comezos do ano 2003, está previsto que se remate a finais de 2006.