O persoal da administración de Xustiza en Galicia poden cursar formación en linguaxe xurídica en galego

Europa Press Galicia
Actualizado: sábado, 19 agosto 2006 14:22

SANTIAGO DE COMPOSTELA 19 Ago. (EUROPA PRESS) -

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xustiza van colaborar no impulso da lingua galega na Administración de xustiza a través dun plan de formación que inclúe cursos de linguaxe xurídica galega de nivel medio e superior. Os interesados en participar nesta acción poden formalizar a súa solicitude atea o 8 de setembro.

Segundo salientou hoxe a Xunta, esta medida tenta garantir a capacitación lingüística do cadro de persoal da administración de Xustiza, de xeito que lle sexa doado ao cidadán exercer os seus dereitos lingüísticos de ser atendido en galego e de desenvolver todas as partes do proceso administrativo nesta lingua.

Cada curso terá unha duración total de 75 horas nas que o profesor tentará achegar un coñecemento teórico da linguaxe xurídica galega. Ademais prestaráselle ao alumno un tratamento individualizado, coas actividades prácticas complementarias e de reforzo que sexan necesarias en cada caso.

O plan de formación para normalizar o uso do galego nos órganos de xustiza está destinado ao conxunto do cadro de persoal desta Administración, entre os que se atopan xuíces, maxistrados, fiscais, secretarios xudiciais, médicos forenses, avogados, notarios, rexistradores da propiedade ou procuradores.

As clases contarán cun máximo de 25 alumnos por curso. Só poderá acceder ao curso de nivel medio o persoal que teña aprobados o curso de iniciación e perfeccionamento da lingua galega ou o básico de linguaxe xurídica. No caso do curso de nivel superior, é requisito de acceso ter aprobado con anterioridade o de nivel medio de linguaxe xurídica galega. O prazo de inscrición está aberto ata o 8 de setembro.

Os cursos de linguaxe xurídica galega forman parte dun plan integral de normalización lingüística no ámbito da xustiza que se vai desenvolver ao longo de 2006 e que inclúe outras accións, como a difusión e sensibilización do uso do galego na Administración de xustiza mediante campañas e publicacións. A Secretaría Xeral de Política Lingüística financia este plan cunha contribución económica de máis de cento vinte mil euros.

Contenido patrocinado