O pintor ourensano Virxilio trae a Santiago a súa mostra antolóxica 'Os Oitentas' tras dez anos sen expor na capital

Actualizado: viernes, 23 junio 2006 14:29

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Jun. (EUROPA PRESS) -

O IES Rosalía de Castro, en Santiago de Compostela, acollerá dende o vindeiro luns unha mostra antolóxica do pintor ourensano Virxilio, que levaba dez anos sen expor as súas obras na capital de Galicia, segundo se lembrou hoxe no trascurso da presentación desta exposición no Club Internacional de Prensa.

Baixo o título 'Os Oitentas', a mostra pretende case que ser unha "homenaxe" ao pintor ourensano Virxilio Eduardo Fernández Cañedo, de 80 anos de idade, na que se reflexa a súa creatividade, o seu dominio das distintas técnicas e a súa rica experiencia en distintos xéneros pictóricos.

Virxilio comezou a facer exposicións no 1954. Tres anos despois foi a París cunha pequena bolsa de estudos concedida pola Deputación de Ourense e ingresou na Escola Superior de Belas Artes. Ata o 1962, andou viaxando a París pasando alá longas estadías. Xa no 1974, marchou a Belín, e no 1983 a Colonia. O seu mestre foi Faílde, que lle impregnou a súa concepción do debuxo, aínda que as cousas de Laxeiro influírono tamén moito. Defínese a sí mesmo coma un pintor "artesanal", porque o que lle gosta é a artesanía e o traballo en si.

Á inauguración da exposición, que inclúe obras nunca expostas, asistirán o vindeiro luns, entre outros, Luís Bará, director xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura; Néstor Rego, concelleiro de Cultura de Santiago; e o catedrático e ex voceiro nacional do BNG Xosé Manuel Beiras. A mostra estará aberta ao público ata o 26 de xullo.