SANTIAGO DE COMPOSTELA 10 Mar. (EUROPA PRESS) -
A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de convocar subvencións para a edición en lingua galega de distintos materiais, realizados en formatos visuais ou audiovisuais sobre soportes impresos ou dixitais, para o que destina un financiamento total de un millón de euros.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta orde do 7 de marzo da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, na que establece que o prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 31 de maio e que deberán dirixirse á Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A convocatoria está destinada ás empresas mercantís do sector editorial e establece que serán subvencionables os seguintes recursos educativos: material didáctico curricular e complementario deste para os niveis educativos vixentes, realizado en soporte impreso e en soportes dixitais, e material didáctico necesario para a formación en lingua galega de adultos, realizado sobre soportes impresos ou dixitais.
As principais novidades deste ano son a convocatoria, por primeira vez, de axudas destinadas específicamente á produción de materiais para a formación de adultos en lingua galega, e o establecemento de subvencións para a edición en soportes dixitais. Estes dous criterios serán, xunto coa edición de materiais didácticos curriculares en materias non consideradas de uso obrigatorio en galego, considerados preferentes para a concesión das subvencións.
Algúns dos requisitos que deben cumprir as empresas solicitantes destas axudas son a utilización correcta da lingua galega, a tiraxe mínima de 1.000 exemplares nos materiais impresos e de 500 exemplares nos materiais editados en soporte dixital ou audiovisual.